
Os actos, que contan co apoio da familia do homenaxeado, desenvolveranse ao longo de catro sábados, o 22 e 29 de novembro e o 6 e 13 de decembro deste ano, no Cebreiro, Samos, Melide e Santiago. Trátase dunha Peregrinación falada do Cebreiro a Santiago de Compostela, seguindo os pasos, de ida e volta, de Elías Valiña e rememorando o seu intenso e bo facer pola recuperación do Camiño de Santiago nos anos previos ao Xacobeo de 1993.
A homenaxe comezará no Cebreiro, o sábado día 22 de novembro, ás 11 horas, cunha visita a este poboado medieval, guiada polo veciño do Cebreiro e amigo do crego homenaxeado, José María Núñez. Seguidamente farase un relatorio sobre Elías Valiña, que abrirá o xornalista e presidente de APECSA, Cristóbal Ramírez Gómez, para darlle paso á relatora, Laurie Dennett, ex presidenta da Confraternity of Saint James de Londres e integrante do Colectivo Praxis do Cebreiro. Rematado o relatorio, na mesma igrexa do Cebreiro, actuará o coro da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo.
A `Peregrinación falada´ en Homenaxe a Elías Valiña estará o sábado, 29 de novembro, en Samos, para facer unha visita ao Mosteiro, guiada polo Prior, José Luis Vélez, e despois, no mesmo Mosteiro, pronunciará o relatorio sobre o homenaxeado, o seu amigo Luciano Armas Vázquez, nun acto que será presentado polo xornalista e vicepresidente de APECSA, Xosé Mª García Palmeiro.
Xa o terceiro sábado, o día 6 de decembro, os actos serán en Melide e comezarán cunha visita ao Museo e a Igrexa de Santa María, para dar paso a unha Mesa Redonda sobre Elías Valiña que moderará Manuel Rodríguez Fernández, técnico do Xacobeo e membro da Xunta Directiva de APCSA, e na que participarán, Ángel Trabada Gómez, presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo; Begoña Valdomar, presidenta da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago; Jorge López Rodríguez, presidente da Asociación de Amigo do Camiño de Santiago da comarca de Sarria, e José Antonio de la Riera, da asociación Fraternidade Internacional do Camiño.
A homenaxe rematará en Santiago de Compostela o sábado, día 13 de decembro. Este día, farase unha visita ás prazas da Catedral, guiada por Francisco Singul Lorenzo, e ás 12 horas os asistentes que o desexen poderán asistir á Misa na Catedral. Ás 12,45 horas, na Casa do Deán, terá lugar o relatorio sobre Elías Valiña, no que participarán Luís López Armesto, sobriño neto do homenaxeado, e Luís Celeiro Álvarez, director de Comunicación da Universidade de Santiago, autor do libro Elías Valiña, valedor do Camiño e vicepresidente de APECSA.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.