
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou unha nova aplicación móbil coa que se pretende facilitar e enriquecer a visita do público ao Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Con esta app, desenvolvida con tecnoloxía galega e por emprendedores galegos, Cultura e Educación busca proporcionarlle unha experiencia novidosa aos visitantes a través dos seu teléfonos móbiles ou tablets.
Estamos ante unha potente aplicación baseada nunha tecnoloxía novidosa, que vai situar ao Museo Centro Gaiás ao nivel dos centros culturais tecnoloxicamente máis avanzados, asegurou o conselleiro Xesús Vázquez, quen puxo especial énfase na capacidade de adaptación dunha app que permitirá adaptar os contidos expositivos aos máis diferentes públicos: desde a comunidade escolar ás persoas con algún tipo de discapacidade.
Como espazo dedicado á cultura, ao emprendemento e á tecnoloxía, a Cidade da Cultura aglutina nesta aplicación estes tres ingredientes, difundindo cultura a un público diverso a través de novas canles, proporcionadas polas novas tecnoloxías creadas co talento dos nosos emprendedores.
Durante a presentación, o conselleiro estivo acompañado por un dos responsables da aplicación, Santiago Berdullas Silva, cofundador e CEO de Kappowsky, firma formada por dous emprendedores galegos e que foi finalista con mención especial do xurado no ano 2012 dun dos premios nacionais máis prestixiosos para emprendedores: o Premio Universia. Santiago Berdullas foi o encargado de amosar o funcionamento e as características desta app, fortemente intuitiva, fácil de manexar e apta para todos os públicos.
Contido adicional
Grazas a esta tecnoloxía, os visitantes do Museo Centro Gaiás poderán explorar de forma autónoma e só coa axuda dos seus dispositivos móbiles, o interior do edificio e das obras da exposición do momento. Grazas ao seu motor de xeolocalización, a app determina en que punto está o visitante dentro do edificio, permitíndolle descubrir as diferentes salas ao tempo que recibe información sobre as obras de arte ou os puntos de interese próximos a elas.
A través desta aplicación, o visitante pode consultar contido adicional das obras máis importantes en forma de audio, vídeo, imaxes ou vínculos a outras páxinas, enriquecendo a súa visita. O usuario atopará, ademais, información práctica que lle axude no seu percorrido como a ruta que debe seguir para chegar aos aseos, ascensores, á tenda ou á saída de emerxencia máis próxima.
Visitas individualizadas e adaptadas
Máis alá do percorrido recomendado, a aplicación presentada hoxe permítelle a cada usuario deseñar a súa propia ruta grazas ao sistema de xeolocalización, que posiciona ao visitante no interior do edificio sen necesidade de sinal GPS, facilitándolle en todo momento a información que precise.
Un percorrido que pode deseñarse desde a casa, planificando a visita por adiantado, ou mesmo sen saír dela, xa que a aplicación está dispoñible de balde en www.cidadedacultura.gal, podendo acceder a todo o contido extra sen necesidade de estar fisicamente no Museo Centro Gaiás.
Esta entrada do Museo Centro Gaiás no mundo da tecnoloxía móbil implica unha mellora nas visitas das persoas con discapacidade, ao permitir por exemplo as persoas xordas acceder aos contidos extra propios das visitas con guía. Son moitas as opcións que se abren tamén no eido das visitas didácticas, ao facer posible a definición de rutas específicas en función dos contidos para cada nivel ou eido educativo.
Unha nova experiencia en cada visita
A app do Museo Centro Gaiás non é unha tecnoloxía pechada. O sistema desenvolvido por Kappowsky permite a súa personalización futura, de forma que se reinvente con cada exposición, posibilitando que o visitante goce dunha nova experiencia cada vez que se achegue ao Museo.
A aplicación está dispoñible para móbiles e tablets con sistema operativo Android e iOS (iPhone/iPad). Poderá descargarse de balde en www.cidadedacultura.gal [nova venta] e na tenda Google Play para Androids e na App Store para iPhones e iPads. Ademais, o Museo Centro Gaiás contará con tablets con esta aplicación xa instalada para uso dos visitantes.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.