O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou na inauguración da exposición Verquidos, da artista Berta Álvarez Cáccamo, na Casa da Parra; da que sinalou que vén abundar na evidencia de que os nosos artistas plásticos forman unha vangarda con identidade propia. Neste sentido, salientou que se trata dunha mostra substanciosa da creatividade, que explora camiños persoais, que desenvolve conceptos propios e que, por iso mesmo, contribúe á ofrecernos unha visión dinámica da nosa arte.
Así mesmo, o conselleiro destacou o labor da Casa da Parra e da Consellería, centrado no apoio decidido ao que nos leva a unha evolución constante; ao que nos sitúa na primeira liña, como responsables dun legado que formou Europa, mais no que xa se integra o mundo global, animado pola imprescindible diversidade.
A exposición, comisariada por Miguel Mont, é unha selección de 60 pezas da obra realizada pola artista viguesa nos últimos dez anos, unha etapa na que se explorou a relación entre o debuxo e a pintura, entre a dimensión xestual e os distintos tempos e temporalidades de aplicación. Vinte das pezas están realizadas con técnica mixta e acrílicos sobre lenzos e proveñen de coleccións públicas como a Fundación Aena, a Deputación da Coruña ou a Fundación Abanca; mentres que as corenta restantes correspóndese con series de debuxos sobre papel. Para completar Verquidos, Berta Álvarez levou a cabo unha intervención mural nos espazos da Casa da Parra.
Cómpre sinalar, así mesmo, que a mostra está a ser analizada e estudada como o punto de partida para a tese de doutoramento Pintura pintada. Un proceso de investigación-creación sobre a mancha abstracta e a súa imaxe no Departamento de Pintura da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
Vázquez Abad estivo acompañado neste acto, ademais da propia artista, polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o comisario da exposición, Miguel Mont e pola técnica de exposicións Pilar Corredoira.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.