
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa para o sábado 19 de xullo unha Tarde de Teatro e Circo para toda a familia en Santiago de Compostela, que inclúe dúas sesións de lecer para facer gozar os máis novos a través das artes escénicas.
A xornada dará comezo ás 18 horas na compostelá praza das Praterías, onde os nenos e nenas poderán desfrutar do espectáculo de novo circo Caír, da compañía Pista Catro. Accións sinxelas e cotiás derivan neste espectáculo en coreografías de acrobacia excéntrica con golpes e tombos caóticos que contrastan con coreografías visuais e potentes de danza e malabar. A emoción e o risco súmanse ao humor neste espectáculo sorprendente, no que tampouco faltarán o absurdo, o sinxelo e o universal.
Un espectáculo de teatro, música e videocreación
Tras a sesión de circo na rúa, esta tarde de lecer proseguirá co novo espectáculo da compañía Elefante Elegante. A partir das 19:30 horas, o Salón Teatro será o escenario da función Aurora, un espectáculo musical para todos os públicos a partir dos 3 anos baseado na historia do encontro dun aviador coa raíña das curuxas que, coma todas as curuxas, gusta máis da noite que do día. O sol queima a súa pel e cega os seus ollos, polo que o aviador vai tentar todo para axudar a curuxa.
O teatro de actor e a videocreación mestúranse nesta proposta para afondar na experimentación ao redor das linguaxes visuais. Con este obxectivo, a música conectará a acción no escenario coa acción proxectada en vídeo, creando un universo máxico, cómico e misterioso.
Recollida de entradas
As entradas para asistir ao espectáculo Aurora, que é gratuíto, pódense retirar antes do 19 de xullo no Teatro Principal, de martes a sábado de 18 a 21 horas. O propio día do evento estarán dispoñibles na billeteira do Salón Teatro desde as 17:30 horas ata o comezo da funcións, ás 19:30 horas.
A Consellería de Cultura e Educación vén promovendo esta programación escénica en colaboración coas Festas do Apóstolo. En 2013, a tarde de lecer ofreceu a sesión de monicreques Os narigudos, de Tanxarina, e mais o espectáculo familiar Fíos, da compañía Baobab.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.