Notas de prensa

A exposición fotográfica Os Adeuses exhíbense na Casa da Cultura de Fafe (Portugal)

A exposición Os Adeuses, que reúne 51 imaxes tomadas polo fotoxornalista coruñés Alberto Martí nas que se reflicte o éxodo galego cara a América, pode visitarse na localidade lusa de Fafe dende o 10 de xullo ata ao 31 de agosto. A Xunta de Galicia participa a través do CGAI co obxectivo de difundir o patrimonio visual de autoría galega.

A exposición ‘Os adeuses, fotografías de Alberto Martí’, en cuxa organización colabora a consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia), poderá visitarse a partir de mañá día 10 de xullo e ata o vindeiro 31 de agosto na Galería Municipal da Casa da Cultura de Fafe. Como é sabido, o CGAI ten entre os seus obxectivos a recuperación e posta a disposición do público do patrimonio visual de autoría galega. A localidade portuguesa será o próximo destino deste conxunto de imaxes que plasman o éxodo galego cara a América durante o século pasado, dentro da ampla distribución que está a ter esta mostra promovida en 2011 pola Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega.

A mostra componse de 51 imaxes en branco e negro que retratan a emigración galega cara ao continente americano desde os portos da Coruña e Vigo durante o período que vai desde o ano 1957 ata o 1963. As fotografías, dotadas dunha grande emotividade, reflicten escenas das despedidas e dos reencontros de moitos homes e mulleres, tomadas por Martí nos últimos anos da década dos cincuenta e nos primeiros da dos sesenta do pasado século XX, e que constitúen hoxe en día un excepcional documento gráfico dunha época.

Imaxes inéditas

As instantáneas, de tamaño 40 x 40 cm, están positivadas en papel baritado e xiradas ao selenio para a súa conservación. Moitas delas non foran reveladas ata o momento da estrea da exposición hai tres anos. O tamén fotógrafo José Caruncho exerceu como coordinador técnico, autor do positivado e da selección das 73 fotografías que integran o catálogo e a compilación orixinal.

A exposición estrutúrase baixo os bloques titulados ‘A ida’, ‘A volta’, e ‘O buque Santa María’. O apartado específico dedicado ao Santa María está articulado a partir da reportaxe realizado por Martí en 1961 sobre o secuestro deste barco portugués a mans do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) durante a ruta Caracas-Lisboa-Vigo e chegada ao porto galego dos retidos no mes de febreiro dese mesmo ano.

O autor, un retratista humano

Alberto Martí Vilardefrancos (A Coruña, 1922) é unha das figuras máis relevantes da fotografía galega, recoñecido pola súa condición de ‘retratista de historias humanas’. Desenvolveu o seu traballo tanto desde unha histórica tenda de fotografía da Coruña como ao longo dos máis de 50 anos nos que exerceu como reporteiro no xornal ‘La Voz de Galicia’. Ao longo da súa prolixa traxectoria, recibiu cantidade de galardóns nacionais e internacionais, como o Premio Nacional de Periodismo Gráfico.

‘Os adeuses, fotografías de Alberto Martí’ é unha mostra itinerante que leva percorrido gran parte da xeografía galega e española e que tamén puido ser visitada en Bos Aires. Trala súa estadía en Fafe viaxará a Castellón, en concreto á Fundación San Isidro Cajamar Caixa Rural, onde estará do 9 ao 30 de outubro de 2014.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-07-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES