A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou a exposición Metagénesix, que lle ofrece ao público unha mostra da arquitectura que actualmente se realiza en Galicia e que se poderá visitar na Fundación Pública Camilo José Cela durante os meses de xullo e agosto.
Trátase dunha selección de obras de 10 estudios de arquitectos galegos nados na década dos 70, que presentan unha concepción e aproximación á arquitectura capaz de dar resposta aos retos actuais da arquitectura global, a partir de trazos específicos locais propios do seu territorio e da súa cultura: tradición construtiva, recursos materiais, valores etc.
Ao labor destes profesionais, que integran os novos usos e demandas da nosa sociedade nos espazos que definen, referiuse o secretario xeral de Cultura, quen destacou o seu traballo a prol dunha arquitectura galega nova e vizosa que merece o noso recoñecemento.
Unha arquitectura local, pero exportable
Metagénesix pretende mostrar e evidenciar a capacidade destes novos arquitectos para darlles resposta aos desafíos contemporáneos derivados da crise económica e social e a fin dos paradigmas que guiaron a arquitectura nos últimos anos. Unha arquitectura profundamente enraizada co lugar, pero totalmente exportable. Neste sentido, as obras da exposición danlles resposta ás necesidades programáticas cunha arquitectura honesta, que asume as limitacións propias do momento, do lugar, do encargo e dos recursos dispoñibles, para transformalas en oportunidades.
A selección da exposición, realizada polos comisarios, Carlos Mosquera (1974), Alberte Pérez (1974), Enrique Iglesias (1973) [Trespes.Arquitectos], Felipe Trillo (1976) e Ana Amado (1975), despois dunha convocatoria aberta, permite darlle visibilidade a unha maneira de entender e proxectar arquitectura.
A mostra conta co patrocinio da E.T.S. da Arquitectura da Coruña, LLEDO S.A., coa colaboración de Construcciones Orega, Proyecon, Librería Formatos, Adega Dominio do Bibei e a editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas.
Esta iniciativa enmárcase na rede europea Import/Export, que pretende darlle visibilidade ás arquitecturas locais de arquitectos novos, de entre 30 e 40 anos, de diferentes países do continente. Import/Export é parte integrante dos ciclos de arquitectura de Nogo, project-room e think-tank para a arquitectura e a arte contemporánea.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.