
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria combina folk, guitarra clásica e rock para animar as tardiñas deste xoves, venres e sábado. Na segunda semana de Atardecer no Gaiás, a praza central da Cidade da Cultura acollerá, a partir das 21:00 horas e totalmente de balde, as actuacións do trío Talabarte, Samuel Diz e a banda compostelá Sinestesia.
Tras a estrea a cargo de Sensacional, a Orquestra de Cámara Galega e Grampoder, este xoves, 10 de xullo, chega ao Gaiás o trío folk Talabarte, a nova proposta musical de Quim Fariña, Pedro Pascual e Kin García.
Neste proxecto, tres dos músicos indispensables da escena musical galega propoñen unha viaxe a través das músicas populares de Galicia e doutras latitudes xunto a composicións propias. Todo aliñado con distintos enfoques estéticos que van desde a linguaxe do jazz pasando polo tango ata a tradición musical europea. Contemporaneidade e tradición, xuntas nun concerto diferente, sen deixar de mover os pés nin deixar indiferentes aos sentidos.
Estrea de Samuel Diz
O venres, 11 de xullo, a praza central do Gaiás será o escenario elixido por Samuel Diz para estrear o seu inédito Atardecer para guitarra. O coñecido guitarrista galego reivindicará a figura do músico Juan José Mantecón (Vigo, 1895- Madrid, 1964), un dos integrantes do denominado Grupo de los Ocho, que en novembro de 1930 ofreceron na madrileña Residencia de Estudiantes un concerto único no que buscaron unha nova linguaxe artística a partir da forte pegada que Manuel de Falla e Federico García Lorca imprimen na súa personalidade.
Samuel Diz, que vén de publicar a súa investigación Guitarra clásica galega co selo Ouvirmos, renderalle unha homenaxe a esta figura inxustamente esquecida ao tempo que nos proporcionará un Atardecer único e inesquecible.
Sábado de rock
Para rematar a semana, a Cidade da Cultura contará coa presenza de Sinestesia. Un grupo que vai o blues de Chicago á psicodelia dos sesenta de Hendrix ou The Doors pasando por suaves matices de jazz, soul e a mellor canción de autor estatal de tradición rockeira. A banda compostelana chega a Atardecer no Gaiás co seu primeiro disco baixo o brazo, cheo do mellor rock actual.
Servizo especial de bus urbano
Todos os concertos de Atardecer no Gaiás teñen lugar na praza central da Cidade da Cultura a partir das 21:00 horas e a entrada é de balde. Cunha duración entre 60 e 90 minutos, os asistentes a Atardecer no Gaiás poden baixar ata o centro de Santiago ao finalizar os concertos grazas a un servizo especial do autobús urbano C11: os xoves e venres sae do Gaiás ás 22:45 e os sábados e festivos ás 22:50.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.