O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acolle o Seminario/Workshop internacional: obras inolvidables na literatura infantil e xuvenil. Visións do feminino. Faino no marco da participación deste centro de investigación adscrito á Secretaría Xeral de Política Lingüística na Rede Temática de Literaturas Infantís e Xuvenís do Ámbito Ibérico e Iberoamericano, ao abeiro do proxecto Literatura Infantil e Xuvenil, que coordina a profesora e investigadora do CRPIH Ana Blanca Roig Rechou.
Á primeira xornada de traballo, que se desenvolveu na sede do CRPIH, asistiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. No encontro científico anual participan expertos en literatura infantil e xuvenil dos ámbitos galego, portugués, brasileiro, catalán, éuscaro e castelán.
Canda á mencionada Rede Temática de Literaturas Infantís e Xuvenís do Ámbito Ibérico e Iberoamericano e o CRPIH, tamén participa nel o Grupo de Investigación LITER21 da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Movementos migratorios na literatura infantil e xuvenil. Visións do feminismo
A Consellería de Cultura e Educación, por medio do CRPIH, tamén organiza esta semana -en colaboración co Grupo de Investigación LITER21 e mais coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega- a XI edición do curso de literaturas infantís e xuvenís que ofrece a USC dentro da súa oferta de formación continua.
O curso ten como finalidade formar e informar sobre a evolución destas literaturas no marco ibérico e iberoamericano, analizándoas desde un enfoque comparativo que dea a coñecer os axentes literarios máis febles en cada ámbito lingüístico, as narracións visuais a partir das ilustracións que complementan a narración textual e a súa influencia na innovación educativa tendo en conta as visións do feminino na contribución á non discriminación por cuestións de xénero.
As sesións desenvolveranse en Santiago de Compostela desde mañá ata o venres -na sede do CRPIH, mañá, e mais na Biblioteca Novacaixagalicia, o resto dos días- os membros da Rede Temática de Literaturas Infantís e Xuvenís do Ámbito Ibérico e Iberoamericano ofrecerán cadansúa panorámica en relación a estes aspectos nos seus respectivos sistemas literarios, así como reflexións arredor das estratexias e perspectivas de futuro.
O programa XI curso de perfeccionamento Movementos migratorios na literatura infantil e xuvenil. Visións do feminismo inclúe encontros cos escritores Alfredo Gómez Cerdá, Antonio García Teijeiro, António Mota, Concha Blanco, Rafael Lema e Fran Alonso; a presentación da obra Innigración/emigración na literatura infantil e xuvenil; presentación de propostas didácticas para as aulas de primaria e secundaria; talleres de creación literaria, de ilustración e de narración e propostas de innovación educativa a partir da literatura.
Proxectos de investigación literaria do Centro Ramón Piñeiro
A Rede Temática de Literaturas Infantís e Xuvenís do Ámbito Ibérico e Iberoamericano intégraa un grupo de investigación interdisciplinar (formado por docentes de dez universidades de España, catro de Portugal e catro de Iberoamérica) que estuda a produción, recepción e mediación das lecturas textuais e visuais destinadas á infancia e á xuventude, aínda que non exclusivamente. Creouse no ano 2004 a raíz do primeiro encontro de investigadores do marco ibérico, que organizou o CRPIH.
O centro de investigación adscrito á Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolve actualmente varios proxectos centrados na literatura, entre os que cabe destacar o de Informes de literatura (un observatorio da literatura galega que acolle a produción anual de e sobre narrativa, poesía, teatro, celebración das Letras Galegas, ensaio, literatura infantil e xuvenil, literatura de transmisión oral etc), Dicionarios de literatura (no marco do que se está a elaborar un gran dicionario xeral de termos literarios, do que sairán outros máis especializados de cada unha das disciplinas ou áreas deste campo) ou Literatura Infantil e Xuvenil.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.