O programa Ler conta moito da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria remata xuño con actividades de dinamización da lectura en bibliotecas da Coruña, de Santiago de Compostela e de Antas de Ulla. Obradoiros creativos, xogos, trabalinguas, cancións de arrolo e propostas escénicas centran as últimas propostas de Ler conta moito neste mes para lles achegar aos bebés, aos nenos e nenas e á mocidade os libros e a lectura.
O xoves 26 de xuño, ás 11 horas, a Biblioteca Sagrada Familia da Coruña será o escenario da actividade Crea fósiles de dinosauros, un obradoiro creativo que incorpora a vertente audiovisual e a divulgación do coñecemento para dinamizar a lectura entre nenos e nenas a partir de 4 anos. O mesmo día, ás 15:30 horas, Charo Pita ofrecerá na biblioteca municipal de Antas de Ulla, na provincia de Lugo, a actividade Triquitraque-Traquetriqui, coa que Ler conta moito achega os bebés de 0 a 3 anos ao mundo da lectura e dos libros con palabras, trabalinguas, xogos e cancións de arrolo.
O lapis máxico pechará a programación de xuño de Ler conta moito na biblioteca do Centro Sociocultural de Fontiñas, en Santiago de Compostela, o venres 27 de xuño, ás 18:30 horas. A compañía Teatro Buratini ofrecerá un obradoiro no que os nenos e as nenas a partir de 6 anos terán ocasión de descubrir todo o proceso e os segredo dunha representación teatral, a través dun laboratorio de creación de propostas escénicas.
Dinamización da lectura nas bibliotecas
A segunda edición do programa Ler conta moito, que se desenvolve desde o pasado mes de marzo ata o vindeiro mes de outubro, inclúe unha programación de 773 eventos a través da Rede de Bibliotecas de Galicia, con diversas propostas para achegarlle á cidadanía, especialmente ás franxas de poboación máis novas, os libros e a lectura.
Calendario e blog
A axenda con todas as actividades deste programa da Consellería de Cultura e Educación pode consultarse na páxina web rbgalicia.xunta.es. Ademais, o programa dispón dun blog no que as bibliotecas recollen e comentan os eventos realizados para fomentar a lectura entre a cidadanía, accesible en http://blogs.xunta.es/lercontamoito/
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.