A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora co 30.º Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, que se celebrará na localidade coruñesa do 17 ao 20 de xullo. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o alcalde de Ortigueira, Rafael Girón; e mais o coordinador do evento, Alberto Balboa, subliñaron durante a rolda de prensa de presentación o carácter excepcional desta edición, que lle renderá tributo á historia do certame e contará como cabezas de cartel coas bandas The Chieftains e Milladoiro.
Ortigueira ultima os preparativos do evento musical, declarado de Interese Turístico Internacional, que, en palabras de Anxo Lorenzo, constitúe un referente mundial do folk, baseado nunha variada oferta de manifestacións artísticas que teñen como eixo principal unha ampla programación de concertos. Bandas consagradas e noveis comparten cartel neste festival, ao que o secretario xeral de referiu como un dos principais escaparates da nosa música.
Un ano máis, está previsto que miles de persoas visiten Ortigueira durante os catro días e tres noites de música que ofrece o festival na terceira fin de semana de xullo. En total, a carteleira desta nova edición inclúe 15 concertos, desfiles de bandas, actividades paralelas e acampada no piñeiral da praia de Morouzos. Todo de balde.
The Chieftains e Milladoiro
A programación do Escenario Alameda vén marcada pola esperada presenza en Ortigueira dos irlandeses The Chieftains, dez anos despois de que ofrecesen o seu primeiro concerto no festival. Outras das propostas destacadas da carteleira deste ano é a de Milladoiro, grupo pioneiro da música folk galega e directamente ligado ás primeiras edicións do festival.
Concertos únicos en España, como o da escocesa Treacherous Orchestra ou o espectáculo Fest rock, de Bagad Kemper e Red Cardell; bandas galegas que estrean traballos como a de Pepe Vaamonde ou o reforzado Proxecto Runas, o veterano concurso de apoio aos grupos emerxentes, son outras das propostas que farán deste festival unha edición para o recordo.
Novidades
Entre as novidades desta trixésima edición, ademais dos concursos vespertinos de gaita e de cuartetos tradicionais e o curso da Universidade de Verán da USC Industria musical en Galicia. Identidade e novas tendencias, atópase a recuperación da figura do presentador, encarnado para a ocasión polo actor Carlos Blanco, que animará as noites do Escenario Alameda co seu humor irónico.
Potenciar a programación, reforzar servizos prioritarios para garantir a seguridade, a limpeza e a comodidade das decenas de miles de visitantes que visitan Ortigueira para participar no festival e manter a gratuidade (a excepción do euro que deberán aboar os que se movan entre a praia e a zona de concertos en bus urbano, e o custo do aparcadoiro vixiado) foi posible grazas á implicación do Concello de Ortigueira e ao apoio de institucións e empresas colaboradoras como a Consellería de Cultura e Educación, a Deputación Provincial da Coruña, Turismo de Galicia, Gadisa e Coca- Cola.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.