
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reuniu na Coruña un cento de alumnos e alumnas de catro centros de ensino galegos para expoñer e proxectar no Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) as cinco curtametraxes documentais realizadas por eles mesmos dentro do programa Cine en Curso.
Os participantes, de entre 9 e 18 anos, e procedentes do CEIP A Rúa de Cangas de Morrazo, do CEIP Doutor Suárez de Fornelos de Montes, do IES Terra de Trasancos de Narón e do IES O Mosteirón de Sada, compartiron a sesión cos demais convidados como colofón deste proxecto formativo internacional desenvolvido en Galicia pola Consellería de Cultura e Educación a través do CGAI no marco do Plan Proxecta da Dirección Xeral de Innovación Educativa.
Cine en Curso é un programa pedagóxico sobre cinema a través do cinema. A súa última edición 2013-14 veu realizándose desde o pasado outubro con diversos talleres impartidos conxuntamente por docentes e profesionais audiovisuais (realizadores, guionistas, directores de fotografía e montadores). Neles, os estudantes descubriron o cine desde o visionado de películas de todos os tempos e culturas ata a práctica cinematográfica, xa que os últimos meses de traballo dedícase á escrita dun guión, planificación, rodaxe e montaxe da súa propia curtametraxe documental.
Realidades próximas
Cinco dos filmes resultantes deste programa e que describen distintas realidades locais (Massó no recordo, A senda do tempo, Vida dunha fábrica, A telleira, pozos de lembranzas e Construíndo música) foron os que esta mañá se exhibiron e comentaron no CGAI, nun acto que foi introducido, en representación da Consellería, polo director da Agadic, Jacobo Sutil, ademais do director do CGAI, Guillermo Escrigas, e da codirectora xeral de Cine en Curso, Laia Colell.
O director da Agadic, que comezou a súa intervención felicitando os alumnos e demais implicados nesta actividade polo seu exemplo de capacidade de aprendizaxe, de rigor e de profesionalidade, destacou a relevancia de Cine en curso como ferramenta para a creación e consolidación dun público cultural creativo e crítico.
Salientou así mesmo os méritos xerais derivados da práctica cinematográfica, como son a capacidade de atención e observación sobre a realidade, o fomento da autonomía e da independencia individual, o exercicio da cooperación e da colaboración en equipo ou a asunción de responsabilidades individuais e colectivas. Tamén o rigor, a autoestima, a ilusión, a paixón, as expectativas sobre un mesmo e sobre o grupo humano do que formamos parte, engadiu Jacobo Sutil.
Enlazar cine e pedagoxía
De feito, a metodoloxía de Cine en Curso baséase en enlazar os valores cinematográficos cos pedagóxicos, a través da apreciación do propio entorno e do rigoroso traballo persoal e en común que leva a cabo o grupo de participantes, moi diverso tanto polo abano de idade como polos contextos xeográfico, socioeconómico e cultural nos que se integran. Os talleres comparten prácticas e exhibicións, polo que tamén constitúen unha oportunidade para amosar a realidade propia á vez que para descubrir novos lugares. Así, durante o curso 2013-14 participaron un total de 47 centros educativos e 24 profesionais de Galicia, Cataluña, Madrid, Arxentina e Chile.
Os cen alumnos dos catro centros educativos galegos seleccionados para participar na modalidade de talleres de ´Cine en curso foron os que hoxe protagonizaron a xornada no CGAI, a través da proxección de cadanseus filmes e da conversa posterior sobre o proceso de creación e as experiencias vividas arredor dos mesmos.
Así, os alumnos e alumnas de sexto curso de Primaria do CEIP A Rúa, de Cangas de Morrazo, realizaron con Massó no recordo unha peza documental sobre a recuperación da memoria da fábrica conserveira Massó; en tanto que os de quinto e sexto do CEIP Doutor Suárez, de Fornelos de Montes, dedicaron A senda do tempo á canle do río Barragán e a súa contorna. Pola súa banda, os estudantes de bacharelato do IES naronés Terra de Trasancos presentaron un traballo sobre o oficio de luthier baixo o título Construíndo música, mentres que os rapaces de cuarto curso de ESO do IES O Mosteirón de Sada proxectaron dúas obras: Vida dunha fábrica, que retrata os traballadores e a actividade de Cerámicas O Castro, e A telleira, pozos de lembranzas na que se evoca o labor cotiá na telleira local da familia Brandariz Vázquez.
Todo o proceso de creación destas películas, así como o de todos os centros participantes, pode seguirse en blog.cineencurso.org.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.