A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou en Nigrán nunha xornada da rodaxe do filme A praia dos afogados, que se está a levar a cabo en distintos concellos pontevedreses baixo a dirección de Gerardo Herrero e a cargo da produtora galega Foresta Films. O proxecto, cofinanciado pola Consellería coa concesión en 2013 de 208.078,64 euros a través das subvencións da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) á produción de longametraxes cinematográficas en lingua galega, leva á gran pantalla a premiada obra do mesmo título do autor vigués de novela negra Domingo Villar.
En representación de Cultura e Educación, o director da Agadic, Jacobo Sutil, compartiu co equipo técnico e artístico uns momentos da filmación levada a cabo nas dependencias da antiga comisaría de Nigrán, onde teñen lugar algunhas das escenas da película. Alí comprobou o momento da produción no que se atopa a fita protagonizada polo actor Carmelo Gómez, quen encarna o personaxe central do inspector Leo Caldas, xunto a un elenco que conta con Antonio Garrido no papel de Estévez e cos galegos Marta Larralde, Celia Freijeiro, Tamar Novas, Pedro Alonso, Luis Zahera, María Vázquez e Carlos Blanco.
A praia dos afogados, que entra estes días na súa quinta e penúltima semana de rodaxe en diferentes localizacións dos municipios de Vigo, Nigrán, A Guarda e O Rosal, é unha coprodución de Foresta Films con Tornasol Films e Milou Films, na que ademais da Xunta de Galicia participan Televisión de Galicia (TVG), Televisión Española (TVE) e o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA).
O guión, escrito polo propio Domingo Villar xunto a Felipe Vega, baséase na novela homónima publicada en 2009 por Editorial Galaxia, considerada como unha das obras máis representativas do xénero negro en Galicia. A trama desenvólvese a través da investigación policial que se xera despois da aparición do cadáver dun mariñeiro nunha praia de Panxón.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.