Notas de prensa

Un coro de 400 voces infantís canta os versos do poeta de Celanova Curros Enríquez

Alumnado dos conservatorios de toda Galicia participam na segunda edición da iniciativa musical e educativa "No bico un cantar", que se celebra o 6 de xuño na terra natal do poeta: Celanova. Os rapaces están dirixidos por Maximino Zumalave e acompañados polo grupo Hércules Brass.

Logo de lle render homenaxe a Rosalía de Castro en 2013, a segunda edición da iniciativa musical e educativa ‘No bico un cantar’ reunirá un coro de catrocentos nenos e nenas para interpretar os versos de Manuel Curros Enríquez, nun concerto promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Consello da Cultura Galega, coa colaboración do Concello de Celanova e do grupo de alimentación Vegalsa-Eroski.

Alumnado procedente dos conservatorios profesionais da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, así como do coro CPI Tomás de Lemos, os Nenos Cantores da Capela Madrigalista e o Orfeón Unión Ourensana participará nesta homenaxe musical ao bardo de Celanova, que terá lugar na terra natal do poeta o venres 6 de xuño, ás 17:30 horas, no claustro barroco do mosteiro de San Salvador, e que estará presentado pola escritora María Canosa.

Programa musical

Dirixidos pola batuta de Maximino Zumalave e acompañados polo quinteto Hércules Brass –formado por Alejandro Vázquez (trompeta), Víctor Manuel Vilariño (trompeta), Javier González (trompa), Esteban Méndez (trombón) e Rodrigo Rodríguez (tuba), e acompañados nesta ocasión por Jordi Ortega (trompa convidado)–, os nenos e nenas cantarán os poemas “A Rosalía”, “Cántiga”, “Melodía gallega” e “Nouturnio”. Todos eles viron a luz no poemario ‘Aires da miña terra’, publicado por primeira vez en Ourense en 1880, agás o titulado “A Rosalía”, escrito logo da morte da poeta padronesa en 1885.

Estre absoluta de “Nouturnio”

Os poemas foron musicados e adaptados por Xosé Baldomir, Xoán Montes, Xosé Castro ‘Chané’ e Xabier Comesanha. Este último creou por encargo a composición “Nouturnio”, que se estreará no concerto, mentres que Juan Durán realizou os arranxos musicais para coro de nenos e sexteto de metais de todas elas.

Ademais do escenario da actuación, o mosteiro de San Salvador será durante a mañá o lugar no que os rapaces realizarán os ensaios conxuntos do programa musical. Ao longo da xornada, os alumnos e alumnas tamén terán ocasión de visitar Vilanova dos Infantes e de asistir ao espectáculo Peter Punk, no que o clown Isaac Rodríguez fará gozar os rapaces cunha proposta multidisciplinar e dinámica que ten no humor o seu fío condutor.

Achegamento á música clásica en diálogo coa poesía galega
A Consellería de Cultura e Educación e o Consello da Cultura Galega botaron a andar a iniciativa ‘No bico un cantar’ en 2013 para lles achegar aos escolares de toda Galicia a música clásica en diálogo coa poesía galega. Fixérono cun programa dedicado á poeta Rosalía de Castro no marco da conmemoración dos 150 anos da publicación da súa obra ‘Cantares gallegos’ e que tivo como escenario a compostelá igrexa de San Domingos de Bonaval.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-06-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES