O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo recibiron aos músicos Javier Otero e Najla Shami, e ao fotógrafo Luís Gabú, a delegación de artistas que viaxarán estes días a Xapón para mostrar o seu traballo no Instituto Cervantes de Toquio, no marco do ano dual Xapón España.
Vázquez Abad reuniuse cos artistas para coñecer os detalles da actividade que realizarán na capital nipona. O conselleiro destacou a importancia de internacionalizar a cultura galega e achegar os traballos dos nosos artistas a un país tan relevante como Xapón. Esta exposición e a actuación musical están financiados pola Consellería de Cultura e Educación.
O 30 de maio, o fotógrafo Luís Gabú inaugurará no Instituto Cervantes de Toquio a exposición Arte e ritual na Catedral de Santiago. Esta mostra está composta por unha selección de 20 pezas fotográficas de gran formato realizadas por Gabú tras o resultado da súa investigación sobre as peregrinacións, cunha mirada artística e espiritual sobre a experiencia do percorrido dos camiños e a catedral de Santiago.
O sábado 31 de maio o pianista Javier Otero e vocalista Najla Shami ofrecerán un repertorio de música galega variada. O programa para voz e piano inclúe pezas de compositores de referencia de finais do XIX (Chané, Montes), de compositores actuais (J. Durán, Octavio Vázquez), e outras tradicionais e de composición propia, a partir de poemas galegos. Asemade, a pandereteira xaponesa Noriko Ishizuka interpretará algunhas pezas con Javier Otero e Najla.
Representación galega
O fotógrafo coruñés José Luís López Gabú centra os seu traballo en lugares pouco comúns, como Guinea Bissau, Mauritania, Malí, Etiopía, Somalia, a Amazonia brasileira, Colombia, Cuba, Haití, Birmania, Tailandia ou Vietnam, entre outros. Entre as súas exposicións destacan as monográficas realizadas en Santiago de Compostela, na Fundación Eugenio Granell no 2006 e no Museo do Pobo Galego no 2009; e en Madrid no Museo Nacional de Antropoloxía no 2008 e 2013.
Najla Shami é cantora e compositora nacida en Santiago de Compostela, filla de tres culturas: palestina, galega e arxentina. O seu traballo máis recente, e o primeiro en solitario, é Na lingua que eu falo (Galaxia, 2013), no que afonda na obra da escritora Rosalía de Castro.
Javier Otero Neira é un pianista polifacético, considerado un dos valores en alza da música clásica galega, cun repertorio misceláneo que presta especial atención a compositores españois e á divulgación de obras de compositores galegos.
Xaponés experto en cultura galega
Así mesmo, durante a inauguración da exposición Arte e ritual na Catedral de Santiago o lingüista Takekazu Asaka recitará poemas de escritores galegos. Takekazu é un xaponés que imparte docencia na área de Filoloxía Románica da Universidade Tsudajuku, na capital nipona. Está considerado un embaixador do galego no seu país. Asaka entrou en contacto coa cultura e a lingua de Galicia a finais dos anos setenta, mantivo correspondencia no seu día con significados galeguistas, como Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto, e publicou numerosos artigos e investigacións relacionadas co galego.
Na súa produción destacan os títulos Gramática do galego moderno (1993), Guía de conversación en galego (1994) e Vocabulario básico da lingua galega (1996). Ademais, o autor da tradución ao xaponés de Cantares Gallegos ten participado nos cursos de galego para estranxeiros que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística durante o verán na Universidade de Santiago de Compostela.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.