Notas de prensa

Os Bolechas e o Sabichón e As fabas máxicas, no programa FalaRedes na Coruña

Muros, Cariño, Neda, Ortigueira, Val do Dubra e Noia acollen entre o sábado 24 e o domingo 25 de maio a representación das obras infantís Os Bolechas e o Sabichón e As fabas máxicas, dentro do programa FalaRedes impulsado pola Consellería de Cultura e Educación.

O programa de fomento do galego FalaRedes, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, leva Os Bolechas e o Sabichón e As fabas máxicas a seis concellos da provincia da Coruña adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

O concurso infantil protagonizado pola familia Bolecha aterra na localidade de Muros, ás 18:00 horas na antiga fábrica de Sel, mentres que o sábado chegará a Cariño, ás 19:00 h na Casa da Cultura. Xa o domingo, será a xente miúda de Neda e Ortigueira a que poderá participar no divertido espectáculo, ás 12:00 horas na Casa da Cultura e ás 18:00 horas no Teatro da Beneficencia, respectivamente.

Pola súa banda, a obra de Caramuxo Teatro atoparase o sábado coa veciñanza de Val do Dubra, que acollerá unha función ás 19:00 horas no Auditorio Municipal, e o domingo coa de Noia, cun pase ás 19:30 horas na Sociedade Liceo.

Os Bolechas e o Sabichón

Os Bolechas e o Sabichón fai as delicidas dos cativos e cativas de 4 a 8 anos ao simular un concurso que enfronta os irmáns Braulio e Loli, que como líderes de senllos equipos teñen que superar unha serie de probas lingüísticas moi divertidas. Pero para vencer precisarán de axuda, polo que solicitan a participación do público, convertendo a xente miúda en parte activa e protagonista do espectáculo dinamizador.

Mediante esta estratexia poténciase a identificación da xente miúda asistente á actividade cos Bolechas, todo un referente positivo estreitamente asociado ao galego ao falar sempre na nosa lingua, tanto nos libros coma nos programas de televisión ou nos espectáculos coma este incluído na programación do FalaRedes 2014.

As fabas máxicas

Coa obra de teatro As fabas máxicas, dirixida a nenos e nenas a partir de 4 anos, perséguese que a cativada se achegue á dramaturxia en galego por medio dunha peza de coidada estética na que o humor, a emoción e a palabra van da man.

Trátase dun espectáculo contado en primeira persoa, no que o propio Xan nos narra a súa sorprendente historia coa axuda duns simpáticos monicreques. Tras criarse na aldea con súa avoa, Xan vive agora de adulto nun apartamento de Nova York. Un día, coidando as plantas da súa terraza, descobre algo que lle fai lembrar unha infancia chea de aventuras.

Coma sempre en FalaRedes, a entrada a estas propostas é libre e de balde ata completar a capacidade das salas. Máis información sobre o programa no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-05-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES