Notas de prensa

O CDG leva ata Vigo o seu espectáculo Longa viaxe cara á noite, na recta final da xira

Baixo a dirección de Manuel Guede Oliva, os actores Gonzalo Uriarte, Luisa Merelas, Marcos Viéitez e Alberto Rolán dan vida aos Tyrone, unha familia quebrada polas frustracións e os vicios. Longa viaxe cara a noite entra na recta final da súa xira por distintas localidades galegas.

O Centro Dramático Galego (CDG) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria entra na recta final da xira do seu espectáculo ‘Longa viaxe cara á noite’, versión galega do célebre drama autobiográfico do norteamericano Eugene O’Neill. Tras dous meses de percorrido por diferentes escenarios galegos e portugueses, a última montaxe do CDG chega esta semana a Vigo para ofrecer dúas representacións no Centro Cultural da Fundación Novacaixagalicia mañá xoves 22 e o venres 23, ás 20.30 horas.

Manuel Guede Oliva dirixe os actores Gonzalo Uriarte, Luisa Merelas, Marcos Viéitez e Alberto Rolán na súa interpretación dos Tyrone, unha familia quebrada polas frustracións persoais e os vicios, na que se atopan moitos trazos autobiográficos dos propios O’Neill.

Esta primeira produción do ano en que o Centro Dramático Galego está a conmemorar o seu trixésimo aniversario supón, ademais, a incorporación da literatura dramática estadounidense ao variado e extenso repertorio da compañía institucional galega, con máis de 75 montaxes realizadas desde a súa fundación en 1984.

Obra cumio

Nesta ocasión, leva a escena a que está considerada como a obra cumio na prolífica produción literaria de O'Neill, premio Nobel de Literatura e –segundo numerosos estudos– pai fundador do teatro norteamericano moderno do que son debedores nomes como Tennessee Williams, Arthur Miller ou David Mamet, entre outros.

Estreada o pasado 22 de marzo no Salón Teatro de Santiago, ‘Longa viaxe cara á noite’ está a desenvolver unha ampla xira por diferentes espazos de Galicia e Portugal na que se combinan funcións para público xeral e pases específicos matinais dirixidos a alumnos de bacharelato. Así, tras a súa función en Vigo, o espectáculo afrontará a recta final deste percorrido poñendo rumbo cara a Tui (27 de maio) e O Barco de Valdeorras (30 de maio). Antes puido verse tamén en Braga, Pontevedra, Barcelos, Narón, A Estrada, A Coruña, Rianxo e Ourense.

‘Longa viaxe cara á noite’ é a crónica dun día na vida dos Tyrone, transposición dramática dos propios O’Neill a través da que o autor estadounidense volve a vista cara á súa intensa e dolorosa xuventude, espertando os monstros que o atormentan. Cun pasado abafante, un presente en destrución e un futuro imposible, os catro membros da familia protagonista deixan caer as máscaras para deixarnos entrever as frustracións, as adiccións e o desarraigo que determinan o seu destino: James, un actor de éxito que pasou a súa vida de escenario en escenario sen poder formar un verdadeiro fogar; Mary, a súa muller, presa dunha adicción que non é quen de deixar atrás; Jamie, o fillo maior, alcohólico, cínico e descrido; e Edmund, o alter ego do escritor, un mozo soñador e romántico, pero enfermo de tuberculose.

Seguindo moitas das indicacións que o propio dramaturgo engadiu ao seu texto, a escenografía de Rodrigo Roel, a iluminación de Juanjo Amado e o espazo sonoro de Guillermo Vázquez subliñan a degradación familiar. Así, a medida que o día avanza, a néboa e o incesante son dunha serea envolven a residencia de verán dos Tyrone, que comeza entón a se tornar nun espazo tan asfixiante e agretado como as vidas dos que a habitan. Imma António Souto como axudante de dirección, María Negreira a cargo do vestiario e Fran Veiga na produción completan o equipo artístico desta produción.

Aclamada pola crítica e considerada a obra máis completa de O’Neill, ‘Long Day's Journey into Night’ foi recoñecida co Premio Pulitzer a título póstumo ¬–o cuarto concedido a unha das súas obras¬– tras ser publicada poucos anos despois da morte do autor, a pesar de que este deixara instrucións de que as súas pezas inéditas non deberían ver a luz ata 25 anos despois do seu pasamento.

Venda de entradas

As entradas para as dúas representacións no Centro Cultural da Fundación Novacaixagalicia de Vigo están á venda a través das canles habituais da entidade: a web www.servinova.com, o teléfono 902 504 500 e, mañá e o venres, na billeteira do recinto.

Máis información en: www.longaviaxecaraanoite.wordpress.com

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-05-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES