
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a colaborar con Voadora na produción A tempestade, adaptación da obra de Shakespeare coa que a compañía galega está a desenvolver unha residencia artística nas instalacións do Centro Dramático Galego (CDG). A produción, que botou a andar o pasado mes de febreiro cunha primeira estadía de dúas semanas no CDG, entra agora na recta final dos seus ensaios antes da estrea o 5 de xuño como espectáculo inaugural dos Festivais Gil Vicente de Guimarães (Portugal).
O apoio de Cultura e Educación enmárcase na liña de asistencia económica e loxística prestada ás compañías privadas galegas a través da estrutura do CDG. A nova proposta de Voadora conta tamén coa colaboración doutras entidades de Galicia e Portugal como a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, o Centro Cultural VilaFlor de Guimarães e as compañías portuguesas Ao Cabo Teatro e Teatro Bruto.
Micromecenado
Ao tempo, o espectáculo mantén aberto ata este domingo 18 de maio unha campaña de micromecenado a través da plataforma online Verkami para completar o orzamento deste proxecto. Cando quedan catro días para que remate o prazo, Voadora acadou xa o compromiso de máis de 115 particulares e está a piques de conseguir o obxectivo fixado en 8.000 euros.
En A tempestade, destacados nomes da escena contemporánea española e portuguesa únense ao equipo habitual de Voadora baixo a dirección artística de Marta Pazos, gañadora de dous premios María Casares á Mellor Dirección e finalista do Certame Nacional de Directoras de Escena en 2013. Así, un total de nove actores, bailaríns e músicos interpretarán o texto de Shakespeare, adaptado para a ocasión polo dramaturgo ourensán Fernando Epelde, Premio SGAE de Teatro en 2012, Tirso de Molina en 2011 e Marques de Brandomín en 2009.
O propio Epelde forma parte do elenco xunto a Diego Anido, José Díaz, Borja Fernández, Iván Marcos, Olalla Tesouro, Hugo Torres, Guillermo Weickert e Sergio Zearreta. Tamén integran o equipo desta produción galego-portuguesa Uxía P. Vaello e Joana Magalhães como axudantes de dirección; Ana Luena, no deseño do espazo escénico; ou José Alvaro Correia, na iluminación, entre outros. A música orixinal é de José Díaz e Hugo Torres, do movemento escénico encárgase Guillermo Weickert e do deseño de vestiario, Uxía P. Vaello.
Xira de verán e estadía no Salón Teatro
Tras a súa estrea no prestixioso encontro portugués de teatro contemporáneo Festivais Gil Vicente e no marco, ademais, deste Ano Shakespeare durante o que se está a conmemorar o 450 aniversario do nacemento do autor inglés, A tempestade levará a cabo unha xira de verán por diferentes festivais da Península. Xa en outono, o espectáculo abrirá a temporada teatral no Salón Teatro de Santiago de Compostela, sede do Centro Dramático Galego, onde permanecerá do 2 ao 17 de outubro.
Con este espectáculo Voadora afronta un dos seus proxectos máis ambiciosos nos seus sete anos de traxectoria, apostando agora polo teatro de texto despois de que, ata o momento, tivera desenvolvido maioritariamente obras de creación propia e de carácter colectivo. Os seus métodos innovadores nos ámbitos da creación e da produción valéronlle en 2013 o Premio da Crítica de Galicia na modalidade de Artes Escénicas.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.