
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria difunde na capital de Galicia a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado en 2014 con motivo das Letras Galegas. Faino a través da exposición itinerante Nimbos de luz, que, logo do seu paso polos concellos de Guitiriz, Vigo, Pontevedra e Cerceda, chega á Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela, onde se poderá visitar desde o 10 ata o 26 de maio.
Os departamentos de Cultura e de Política Lingüística da Consellería promoven esta exposición, que está comisariada por Alfonso Blanco Torrado, por Luís González Tosar e por Armando Requeixo. A través de 14 paneis temáticos, que se completan cunha parte audiovisual, na que se inclúe a proxección do documental O instante eterno, de Xosé Antón Cascudo, Nimbos de luz permite unha importante aproximación á obra do poeta, tradutor e intelectual de Guitiriz.
A exposición, que se acompaña de folletos ilustrativos nos que se reflicte o contido da mostra, forma parte da programación que a Consellería de Cultura e Educación está a promover este ano arredor das Letras Galegas.
Unha mostra itinerante para achegarlle á cidadanía a figura de Díaz Castro
A mostra Nimbos de luz comezou a súa itinerancia o pasado febreiro na vila natal de Díaz Castro, en Guitiriz. Logo do seu paso por Santiago de Compostela, as seguintes paradas serán a A Estrada (do 28 de maio ao 11 de xuño), Redondela (do 13 ao 29 de xuño), Vilagarcía de Arousa (do 1 ao 30 de xullo), Mondoñedo (do 1 ao 29 de agosto), A Coruña (do 2 ao 16 de setembro), Lugo (do 18 ao 30 de setembro), Ourense (do 2 ao 16 de outubro) e A Rúa (do 18 de outubro ao 3 de novembro), Cee (do 1 ao 14 de decembro) e, finalmente, Celanova (do 16 ao 30 de decembro).
Acto literario en Parada de Sil
No marco da celebración das Letras Galegas, a Consellería de Cultura e Educación, representada polo seu secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participará, mañá, 11 de maio, na homenaxe que o Concello de Parada de Sil lle rende a Xosé Elías Ferreiro Álvarez, Xoel Ferral, veciño do lugar que, ademais de ser autor de poemas e contos en galego, recompilou numerosos refráns ao longo da súa vida.
Desde hai anos, o concello ourensán vén celebrando, arredor das Letras Galegas, unha xornada de homenaxe para recoñecer o labor e o esforzo de veciños e veciñas deste lugar que contribuíron ao desenvolvemento da cultura e á utilización da lingua galega.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.