
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolle no Salón Teatro de Santiago dúas representacións de A verdadeira historia de Robinson Crusoe e Venres, espectáculo para público infantil e familiar de Bandullo Azul, a nova compañía dos humoristas Fran Campos e Francisco Ameixeiras. Promovidas polo Concello de Santiago de Compostela, estas funcións teñen lugar o sábado 10 e o domingo 11 de maio, ás 18.00 horas.
Evaristo Calvo, a metade do dúo cómico Mofa e Befa, dirixe esta orixinal revisión do clásico de Daniel Defoe na que, tras o seu naufraxio nunha pequena illa, un aristócrata inglés debe entenderse e compartir espazo cun salvaxe para intentar sobrevivir sen apenas recursos.
Risas e reflexión
A linguaxe xestual e o enxeño serán claves para resolver a chea de situacións cómicas ás que se enfronta o náufrago e o seu compañeiro de fatigas. Así, a través das actividades cotiás, Robinson tentará colonizar a Venres desde o punto de vista do que el considera que debe ser o mundo civilizado. Pero este último resistiráselle e, pouco a pouco, amosaralle a Crusoe a importancia de ser libre e de se deixar levar polo xogo, a diversión e a contemplación na procura da felicidade.
Ademais da risa, as situacións provocadas polo choque entre estes dous mundos buscan tamén achegar aos espectadores unha reflexión sobre o que necesitamos realmente nas nosas vidas para ser felices.
Os actores Fran Campos e Francisco Ameixeiras puxeron en marcha a compañía Bandullo Azul hai dous anos, inspirándose e facendo un xogo de palabras a partir do famoso personaxe Barriga Verde creado por José Silvent, pioneiro do teatro de monicreques en Galicia. O seu obxectivo é levar a escena espectáculos de pequeno formato e pensados para todos os públicos. Da distribución das súas montaxes encárgase Culturactiva, distribuidora galega de teatro cómico, de rúa e circo con 14 anos de experiencia.
Venda de entradas
As entradas para ambas as funcións poden adquirirse de xeito anticipado no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto ata o sábado de 18.00 a 21.00 horas. No Salón Teatro estarán dispoñibles tanto o sábado como o domingo desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.