Notas de prensa

Do 21 ao 24 de maio proxéctanse 17 curtas e 18 videoclips no XI Festival de Cans (O Porriño)

O XI Festival de Cans, que terá lugar do 21 ao 24 de maio, ofrece un programa con 17 curtas e 18 videoclips a concurso e un amplo cartel paralelo con estreas de longametraxes, concertos, coloquios, presentacións e a os 20 anos da eclosión do rock galego.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora co Festival de Cans no desenvolvemento da undécima edición deste certame de curtametraxes galegas, que terá lugar do 21 ao 24 de maio na aldea do Porriño da que toma o nome con 17 curtas e 18 videoclips a concurso. Ademais da proxección destes traballos, o programa inclúe estreas de longametraxes, concertos, coloquios, presentacións de novos proxectos e a celebración do 20 aniversario do ‘boom’ do rock galego, entre outras actividades.

O departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad mantén o seu apoio económico ao encontro impulsado pola Asociación Cultural Arela, que este ano se materializa a través dunha achega de 20.660 euros adxudicados pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) como resultado da súa primeira convocatoria pública de subvencións a festivais audiovisuais. A resolución foi publicada na web da Agadic o 4 de marzo: http://www.agadic.info/gfx/axudas/axudas_festivais_audiovisual_resolucion_14.pdf

En nome de Cultura e Educación, o director da Agadic, Jacobo Sutil, participou na presentación da nova entrega do festival xunto aos representantes da organización e do resto das entidades patrocinadoras e colaboradoras. Durante a súa intervención, subliñou precisamente a rede de apoios que Cans foi quen de articular nas súas sucesivas edicións como “exemplo do que debe ser a colaboración entre o sector público e o privado cara ao desenvolvemento e a consolidación de propostas culturais a longo prazo, sen esquecer ademais a necesaria implicación da cidadanía”.

Nova liña de axudas

Pola súa banda, o director do festival, Alfonso Pato, agradeceulle á Consellería de Cultura e Educación a posta en marcha desta nova liña de axudas para a concesión en réxime de concorrencia competitiva –por primeira vez este ano– do orzamento destinado a este tipo de eventos.

Neste sentido, o responsable da Axencia explicou que a creación destas subvencións atende, en boa medida, ás suxestións recibidas desde o propio sector audiovisual co obxectivo de “optimizar, sistematizar e garantir a transparencia na adxudicación dos recursos públicos a este tipo de eventos”. Así, o orzamento desta primeira convocatoria foi distribuído entre un total de cinco festivais de acordo cunha serie de criterios obxectivos, así como da valoración da traxectoria, a programación, a viabilidade e o interese dos proxectos presentados.

Respecto a Cans, ademais de incidir na súa singularidade dentro do panorama audiovisual galego, estatal e mesmo internacional, Sutil fixo fincapé no seu papel como plataforma para a difusión do traballo que se está a realizar en Galicia no ámbito das curtametraxes: “Cans ofrécelles aos novos realizadores galegos un inmellorable altofalante para chegar tanto ao público como aos potenciais produtores do seus novos traballos”, concluíu.

Novas linguaxes narrativas

Nesta undécima edición, o festival busca precisamente a irrupción de múltiples linguaxes narrativas e xéneros mediante curtas que van desde o documental á ficción, pasando pola animación, e presentadas tanto por cineastas consagrados como por novos creadores e directores debutantes. Os 17 traballos a concurso serán valorados polo xurado oficial, integrado por recoñecidos nomes do audiovisual español e galego (Karra Elejalde, Chelo Loureiro, Xurxo Souto, Isabel Ayguavives, Monti Castiñeiras e Xulio Abonjo), ademais de polo xurado dos veciños. En canto aos 18 vídeos musicais seleccionados, o gañador será elixido por Nieves Rodríguez, Nonito Pereira e Amable DJ.

Xunto coas seccións de competición, Cans vén desenvolvendo desde as súas orixes un intenso programa complementario, que en 2014 inclúe a celebración Â’20 anos da primavera do rock galegoÂ’ a través dunha escolma de documentais sobre o movemento bravú, de videoclips e do concerto do grupo Heredeiros da Crus. No apartado musical, terá lugar outra vintena de actuacións, como as de Los Coronas, Kepa Junquera e Pazos de Merexo, Caxade, Los Ãrboles, Os da Ría ou Os Carunchos.

Mulleres cineastas

Cans será igualmente o escenario para a proxección en primicia de ‘Os fenómenos’, de Alfonso Zarauza; do documental sobre Antonio Vega ‘Tu voz entre outras mil’, de Paloma Concejero, e de ‘El árbol magnético’, de Isabel Ayguavives, entre outros títulos. Ademais, Concejero e Ayguavives participarán nos coloquios ‘As mulleres cineastas toman a palabra’, para os que tamén se contará con Gracia Querejeta, e con Susana Sotelo e Also Sisters como novos valores do audiovisual galego.

O festival, que este ano aposta pola descentralización incorporando novos espazos de actividade, ofrece así mesmo presentacións de novos guións e fitas, unha ollada cara aos creadores galegos asentados en Londres, un apartado dedicado ás webseries e a nova sección ‘Cans Xtremo’, cunha selección de traballos arredor de deportes extremos.

Como colofón desta edición, farase entrega dun total de 12 galardóns: nove para curtametraxes e dous para videoclips, así como o premio de honra á actriz María Bouzas pola súa carreira. Recibirán cadanseu Chimpín de Prata a Juan Ibáñez ‘Trancas’, pola súa colaboración e difusión do certame, e a Divina Campos, veciña de Cans quen, aos seus 82 anos de idade, tense convertido en toda unha institución no festival.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-05-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (terceira-idade.jpg) A posta en marcha do Rexistro galego de persoas centenarias, Regace, sitúa Galicia nunha posición de referencia para o estudo da lonxevidade, posibilitando coñecer mellor as claves deste fenómeno e afrontar os retos que presenta. Preto de 1.800 persoas de cen ou máis anos viven na comunidade galega, o que supón ao redor do 12 % de toda a poboación centenaria de España, un dato que fala da realidade demográfica de Galicia e reflicte unha oportunidade única para aprender, investigar e avanzar. Deste xeito, Galicia presenta un dos mellores resultados no que a esperanza de vida se refire: 81,19 anos para os homes e 86,83 para as mulleres, superando en ambos os casos a media estatal.
Foto de la tercera plana (cgac-2021.jpg) A mostra a 'Illa ignorada' estará aberta ata o 12 de febreiro de 2027 e toma o seu título do primeiro poemario da escritora Gloria Fortes. Nela cabe destacar os traballos tanto dos artistas galegos Alberto Ardid, Vicente Blanco, Andrea Costas, Caxigueiro, Fina Mantiñán, Juan Carlos Meana, Ariadna Silva, Seoane e María Elena Montero, como os de Abel Azcona, Amparo Garrido, Regina Giménez, Antoni Muntadas, Sonia Navarro, Ãñigo Royo, Regina Silveira. Ademais desta nova mostra, o centro tamén inaugurou a ampliación, no dobre espazo do Centro Galego de Arte Contemporánea, da exposición Misha Bies Golas, que abriu ao público o pasado 22 de maio cunha escolma de máis de dúas décadas da creación heteroxénea do lalinense Miguel Calvo Ulloa, un dos fundadores do colectivo Nova Escultura Galega.

Notas

'A Galicia inédita' reúne obras de profesionais do fotoxornalismo que desenvolven o seu quefacer en medios de comunicación de Galicia, complementadas con lendas de corte literario ou informativo, elaboradas por membros da APG e outros xornalistas que tamén traballan na nosa comunidade autónoma. As imaxes captan todo tipo de acontecementos, lugares e personaxes, dende a vertente máis costumbrista ata sucesos de actualidade.
Persoal investigador do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC) desenvolveu unha nova estratexia para o transporte de material xenético ao interior das células mediante vesículas formadas por lipopéptidos catiónicos autoensamblables. O traballo representa un avance no desenvolvemento de sistemas non virais para terapia xénica, un dos campos con maior potencial para o tratamento de enfermidades de base xenética e para a medicina rexenerativa.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES