Notas de prensa

Longa viaxe cara a noite, última produción do CDG, de xira por Galicia chega a Narón

O espectáculo preséntase o sábado 26 de abril no Pazo da Cultura naronés e continúa despois a súa xira na Estrada, A Coruña, Rianxo, Ourense, Vigo, Tui e O Barco. O elenco de Longa viaxe cara a noite, dirixida por Manuel Guede, está composto por Gonzalo Uriarte, Luisa Merelas, Marcos Viéitez e Alberto Rolán que dan vida aos Tyrone, unha familia quebrada polas frustracións e os vicios.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva o sábado 26 de abril o espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) ‘Longa viaxe cara á noite’ a Narón, onde a montaxe dirixida por Manuel Guede Oliva a partir da obra orixinal de Eugene O´Neill ofrecerá unha representación ás 20.00 horas no escenario do Pazo da Cultura.

O célebre drama autobiográfico do Premio Nobel de Literatura norteamericano preséntase co elenco que integran Gonzalo Uriarte, Luisa Merelas, Marcos Viéitez e Alberto Rolán. Os catro intérpretes dan vida aos Tyrone, unha familia quebrada polas frustracións persoais e os vicios, na que se atopan moitos trazos autobiográficos dos O’Neill.

Con esta proposta, estreada no Salón Teatro de Santiago o pasado 22 de marzo, o Centro Dramático Galego celebra o seu trixésimo aniversario e incorpora a literatura dramática estadounidense ao seu variado e extenso repertorio das máis de 75 producións que leva realizadas desde a súa fundación en 1984.

Ampla xira

Ademais, Consellería de Cultura e Educación está a desenvolver con ‘Longa viaxe cara a noite’ unha ampla xira en Galicia e en Portugal na que se combinan funcións para público xeral e pases específicos matinais dirixidos a alumnos de bacharelato.

Así, despois do seu paso por Compostela, Braga, Pontevedra, Barcelos e Narón, o espectáculo visitará A Estrada (Teatro Principal, 30 de abril ás 21.00h), A Coruña (Teatro Rosalía Castro, 3 de maio ás 20:30h), Rianxo (Auditorio Municipal, 10 de maio ás 20:30h), Ourense (Teatro Principal, 17 de maio ás 20:30h, día 18 ás 19.00h e luns 19 ás 11:00 en función escolar), Vigo (Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia, 22 e 23 de maio ás 20:30h), Tui (Teatro Municipal, 27 de maio ás 11:00h). A distribición rematará no Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras o 30 de maio.

As entradas para a función de Narón están á venda no despacho e billetes do auditorio do Pazo da Cultura ao prezo de 9,50 euros para público xeral e 6,65 euros para abonados, titulares de carné xove e titulares de carné de estudante.

Un día cos Tyrone

‘Longa viaxe cara á noite’ é a crónica dun día na vida dos Tyrone, transposición dramática dos propios O’Neill a través da que o autor volve a vista cara á súa intensa e dolorosa xuventude, espertando os monstros que o atormentan. Cun pasado abafante, un presente en destrución e un futuro imposible, os catro membros da familia protagonista deixan caer as máscaras –tras as que se ocultan verdades e se conteñen sentimentos– para deixarnos entrever as frustracións, as adiccións e o desarraigo que determinan o seu destino: James, un actor de éxito que pasou a súa vida de escenario en escenario sen poder formar un verdadeiro fogar; Mary, a súa muller, presa dunha adicción que non é quen de deixar atrás; Jamie, o fillo maior, alcohólico, cínico e descrido; e Edmund, o alter ego do escritor, un mozo soñador e romántico, pero enfermo de tuberculose.

Aclamada pola crítica e considerada a obra máis completa, ‘Long Day's Journey into Night’ foi recoñecida co Premio Pulitzer a título póstumo ¬–o cuarto concedido a unha das súas obras¬– tras ser publicada poucos anos despois da morte de O'Neill, a pesar de que este deixara instrucións de que as súas pezas inéditas non deberían ver a luz ata 25 anos despois do seu pasamento.

Máis información en: www.longaviaxecaraanoite.wordpress.com

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-04-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES