O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou na rolda de prensa de presentación da Feira do Libro de Santiago de Compostela, unha cita que cualificou como unha oportunidade máis para a difusión do sector galego do libro, coa comercialización e promoción de autores e obras, tanto na nosa propia comunidade coma no exterior. Neste sentido fixo referencia á cantidade de visitantes que chegan á capital de Galicia atraídos, entre outros aspectos, pola nosa identidade como pobo, na que xogan un papel fundamental as manifestacións culturais que van poder coñecer nestas feiras.
Xesús Vázquez lembrou a aposta integral que o seu departamento e a Federación de Libreiros de Galicia están a facer pola cultura galega, mellorando a oferta de actividades que se desenvolven no marco destas feiras, e que desde o ano pasado combinan as habituais sinaturas de libros e presentacións de autores e autoras con actuacións teatrais ou de danza. En definitiva, con diferentes disciplinas culturais que se achegan á cidadanía desde estes eventos, conformando unha aposta clara da Xunta de Galicia polo conxunto da nosa cultura e polas compañías e artistas locais.
O conselleiro quixo agradecer ao Concello de Santiago a súa colaboración para a celebración desta feira, así como o traballo dos libreiros, guías, asesores e impulsores da lectura entre o público que acode aos seus establecementos. Un labor anónimo e pouco recoñecido sen o que a interacción coa inmensidade do mundo editorial sería moito más difícil para todos.
Bibliotecas nodais e centros de ensino
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia quixo animar ademais ao conxunto da cidadanía a participar na feira, en especial aos centros de ensino, para os que este ano a Consellería e a Federación de Libreiros decidiron preparar actividades especiais, tendo en conta que a época lectiva coincide coa celebración desta cita.
A Consellería de Cultura e Educación colabora tamén coas Feiras do Libro de Galicia implicándose nas mesmas a través das bibliotecas nodais e dos centros educativos. De feito, nesta feira de Santiago a Biblioteca Pública Ánxel Casal - a nodal de Santiago- e as alumnas e alumnos do Ciclo Superior de Educación Infantil do CIFP Compostela realizarán un obradoiro e un contacontos escenificando os contos Os petos de loreto, Veo, veo e O coelliño branco.
A Biblioteca Ánxel Casal estará ademais presente a través da habitual caseta que instalan na Alameda e na que as nenas e nenos atopan un espazo perfecto para ler, debuxar e aproximarse xuntos aos libros mentres os maiores gozan de outras actividades da feira, e onde tamén se poderán facer carnés de socio. Neste espazo haberá ademais unha pequena exposición dos fondos da biblioteca, e celebrarase a actividade semanal da biblioteca Os sábados choiva de contos, da man de Carmen Domech e o contacontos Pastoreando alegrías, no marco do programa desta Consellería Ler conta moito.
Calendario
O calendario de Feiras do Libro de Galicia chegará nos vindeiros meses a 12 localidades da man da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e da Federación de Librarías de Galicia ao abeiro do convenio asinado para tal fin entre ambas as entidades e no marco das actuacións da Xunta de Galicia para a promoción do sector do libro en Galicia. Cómpre lembrar, ademais, que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad apoiará tamén este ano a participación do sector editorial do libro en catro feiras internacionais: Boloña, Frankfurt, Buenos Aires e Guadalaxara (México).
Trátase de iniciativas fundamentais para a promoción do libro, tanto dentro como fóra de Galicia, dada a importancia deste tipo de eventos culturais como escaparate para os traballos realizados polo sector editorial, tendo en conta que as Feiras do Libro de Galicia rexistraron o ano pasado 310.000 visitantes.
A primeira das citas do calendario en Galicia será en Santiago de Compostela, onde as casetas permanecerán ata o 4 de maio. O calendario pecharase do 27 ao 30 de agosto en Monforte e antes percorrerán tamén as localidades de Pontevedra (6 a 11 de maio), de Lugo (13 a 18 de maio), de Vigo (23 de maio a 1 de xuño), de Ourense (3 a 8 de xuño), de Ferrol (11 a 15 de xuño), de Ribadeo (17 a 20 de xullo), de Rianxo (24 a 27 de xullo), da Coruña (1 a 10 de agosto), de Viveiro (14 a 17 de agosto) e de Foz (27 a 30 de agosto).
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.