
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora no desenvolvemento da XV Mostra de Teatro Universitario de Galicia a través da cesión do Salón Teatro como sede central deste encontro, que se celebra desde hoxe e ata o mércores 30 baixo a organización da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
O espazo compostelán acollerá un total de 10 dos 11 espectáculos incluídos nesta nova entrega da mostra, que lle achega ao público os traballos escénicos preparados durante este curso académico polas diferentes compañías da USC, ademais das convidadas das universidades de Vigo e da Coruña. Pola súa banda, o Teatro Principal ofrecerá a montaxe restante o mércores 23.
Programa
No Salón Teatro, a compañía Maricastaña da Aula de Teatro Universitaria de Ourense é hoxe a encargada de abrir esta carteleira coa obra Café Liberdade, de Fernando Dacosta. Tamén de autoría galega son as pezas que se exhibirán mañá martes 22 e o mércores 23: Farsa Plautina, de Agustín Magán, pola Compañía Troulaloura e Apnea (variación 2ª), de Roberto Salgueiro, pola Aula de Teatro da USC, respectivamente.
A continuación, presentaranse no Salón Teatro tres creacións colectivas asinadas por outras tantas formacións da Universidade compostelá: Pinchacarneiro escenificará Tralo telón o xoves 24; a Compañía GN, Natureza viva o venres 25; e ARTías Teatro, Desast-rosas o sábado 26. A primeira semana de actividade rematará o domingo 27 con Tik Tak Teatro e A muller que comezou a contar ata dez e non parou, de Gustavo Dieste.
Miosotis. Non me esquezas é o título da proposta que a Aula de Teatro da USC do Campus de Lugo preparou a partir de Comedia sin título, de García Lorca. Debido a que as especiais características desta montaxe implican unha redución da capacidade da sala, o luns 28 ofreceranse no Salón Teatro dúas funcións deste espectáculo.
A programación entrará na súa recta final o martes 29 con Teatro da Falúa e a súa particular reinterpretación de A princesa prometida, o coñecido texto de William Goldman; e finalizará o mércores 30 con Nocturnos, de Paco Zarzoso, por Teatro Normal da Universidade da Coruña.
Todos os espectáculos exhibidos no Salón Teatro dentro desta décimo quinta edición da Mostra de Teatro Universitario de Galicia dan comezo ás 21.00 horas, agás no caso da función dobre do luns 28, programada ás 19.00 e ás 21.00 horas. Esta carteleira complétase co espectáculo O envés, de Lorena Conde, que Enlata Teatro porá en escena o mércores 23, ás 19.30 horas, no Teatro Principal de Santiago.
As entradas para asistir a todas estas representacións son de balde, previo paso polo despacho de billetes, que no caso do Teatro Principal permanecerá aberto desde as 18.30 horas, e no do Salón Teatro, desde as 19.30 horas.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.