A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove a presenza do audiovisual galego na 51ª edición do MIPTV de Cannes, unha das principais citas internacionais do sector canto á produción e comercialización de todo tipo de formatos, programas e servizos para televisión, que se desenvolve ata o xoves 10 de abril na cidade francesa.
As empresas galegas buscarán oportunidades de negocio neste encontro, centrado este ano no mundo dixital e nos novos formatos máis interactivos. En Cannes reúnense estes días 11.000 participantes procedentes de 1.588 firmas, dos que 1.600 son compañías e 4.000 figuran acreditados como compradores de contidos.
Bambú Producciones, Ficción Producciones, Filmanova, Formato Producciones, Maruxiña Films Company, Portocabo, Tree Line Distribution e Zenit TV asisten a este mercado baixo a marca Audiovisual from Spain, desenvolvida polo Instituto de Comercio Exterior (ICEX) e en colaboración, para o caso de Galicia, coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) no marco do convenio que se mantén co IGAPE (Instituto Galego de Promoción Económica).
Tamén están representados nesta plataforma que se visualiza cun pavillón destacado no espazo expositivo do MIPTV a Federación de Asociacións de Produtores Españoles (FAPAE) e outros organismos autonómicos de toda España, entre eles Televisión de Galicia.
O pavillón acolle unhas 30 empresas e institucións nacionais e sirve tamén como punto de encontro e lugar de reunións de todos os profesionais españois rexistrados neste mercado.
Promoción continuada
A participación de compañías e profesionais galegos sitúase dentro da acción continuada para a internacionalización do sector audiovisual que se está a desenvolver desde a Xunta de Galicia. Nese mesmo marco, a Agadic e o Clúster Galego do Audiovisual manteñen aberto na actualidade o prazo de inscrición de compañías para participar no seguinte encontro importante do circuíto internacional centrado no sector: o Marché du Film, que tamén se celebrará en Cannes entre os días 14 e 23 de maio.
Entre as actividades de difusión no marco deste multitudinario evento, a Agadic está a distribuír o catálogo Films from Galicia 2013-14 que recolle a produción galega máis recente canto a longametraxes de ficción, documentais e de animación, así como a última produción de programas para televisión. Atópase tamén entre os materiais promocionais do audiovisual galego a publicación Ways to Film, destinada a promover Galicia como escenario de rodaxes cinematográficas.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.