
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra en abril o Mes do Libro na Biblioteca Nodal, para conmemorar o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril) e o Día Internacional do Libro (23 de abril).
O día do libro infantil e xuvenil lembra a data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, autor sobre o que xira o espectáculo que mañá, ás seis da tarde, porá en escena Fabiana Gastaldello para todos os públicos, e en especial para nenos e nenas maiores de 5 anos. A artista aborda dous contos de Andersen cunha proposta orixinal e artesanal que integra varias linguaxes escénicas como mimo, commedia dellArte, teatro de sombras e escenografías de vangarda.
O martes 22, a partir das 17:00 horas, celebraranse roteiros literarios en torno á obra de Anxel Fole. Poden participar 25 persoas por sesión, cunha duración aproximada de 60 minutos cada unha. O roteiro percorrerá os espazos literarios e lugares da nosa cidade que serven de escenarios dalgunhas das súas obras.
Os nais, pais, ou calquera persoa maior de idade que o desexe, poden participar na creación dun obradoiro de gravación de audiolibros infantís, para poñer voz ás personaxes e recrear ambientacións sonoras. O obradoiro desenvolverase os días 23, 24, 28 e 29 na sala multiusos.
Para conmemorar o Día Internacional do Libro, o mércores 23, realizaranse visitas guiadas excepcionais ás 12 e ás 19.00 horas, ademais das que se poden concertar previamente coa biblioteca. Pola mañá está prevista xa a visita de alumnos e alumnas do CEIP San Xoan de Becerreá e unha sesión de contacontos.
A media mañá e ás seis da tarde realizarase unha solta de libros ou bookcrossing, liberando en total arredor duns 100 libros á entrada da biblioteca.
Programación infantil
Migallas Teatro presentará o venres 11 Os contos do chupete ás 18:00 horas, para nenos e nenas de o a 3 anos, unha sesión de contos para bebés na que se integran música en directo, literatura infantil, expresión dramática e tradición oral.
O sábado 26, a ONGD Taller de solidaridad leva á biblioteca Congo, Tres historias de coraje, ás 11:30 horas, un proxecto de sensibilización que conta en Lugo coa colaboración do coñecido artista Anxo Moure.
A Biblioteca acolle a exposición Ramificacións, con debuxos, gravados e pinturas da artista multidisciplinar Noa Persán.
Por outra banda, o centro mantén a programación habitual de mesas de conversa, clubs de lectura, cafés filosóficos ou charlas de autoaxuda, e rescata a iniciativa da Cita a cegas con libros inxustamente esquecidos, libros silenciados, libros cheos de emocións e de historias que esperan ser rescatados. No vestíbulo da biblioteca poderanse atopar libros envoltos, para que non se vexa nin autor nin título. Só teñen unha pista sobre o contido.
Resultados da Biblioteca Quitapenas
Por último, a Biblioteca Pública Nodal quere agradecer o espírito solidario dos lucenses que participaron na campaña da Biblioteca Quitapenas durante os meses de decembro, xaneiro e febreiro.
Este programa consistiu en conmutar as sancións que penalizaban os carnés dos usuarios por produtos básicos non perecedoiros, aínda que tamén se abriu a doazón a toda aquela persoa que quixera achegar gratuitamente alimentos. De modo global, recolléronse 287,17 quilogramos de produtos, dos que 129,82 quilos foron doados a Cáritas e 157,35 quilos ao Banco de Alimentos. En total, condonáronse 94 sancións.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.