Notas de prensa

O Parlamento e a RAG conmemoran o 50º aniversario das Letras Galegas

A mostra "51 páxinas das nosas letras’" percorrerá Galicia durante 2014 para amosar as medallas conmemorativas dos autores homenaxeados o 17 de maio desde o ano 1963, que o Parlamento aloxa na súa Sala das Letras Galegas.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto inaugural da mostra “51 páxinas das nosas Letras”, que acolle o concello ourensán do Carballiño no marco da itinerancia que está a ter en numerosos puntos da xeografía galega durante este ano. Con ela, a Xunta de Galicia, o Parlamento galego e a Real Academia Galega (RAG) conmemoran conxuntamente o 50º aniversario da instauración do Día das Letras Galegas (celebrado por primeira vez o 17 de maio de 1963).

Durante a súa intervención, o secretario xeral destacou que “os galegos e galegas levamos celebrando 51 anos o Día das Letras Galegas. Esta festa da palabra, que naceu exclusivamente como efeméride literaria, préstalle tamén acubillo a actividades que, estando fóra do ámbito propiamente literario, forman parte do día a día da cidadanía de hoxe e promoven o a dinamización social do idioma propio de Galicia”. “Baixo ese histórico parasol conmemorativo atopan hoxe sombra accións galeguizadoras (en termos de lingua pero tamén identitarias) que alcanzan a case totalidade das actividades que desenvolvemos os galegos e galegas da Galicia contemporánea”.

No acto participaron, amais de García Gómez, a presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo; o rexedor municipal, Argimiro Marnotes; o presidente 1º da Mesa do Parlamento, Miguel Santalices; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Rodríguez; e a xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, María Mercedes Gallego.

’51 páxinas das nosas Letras’

Na mostra ’51 páxinas das nosas Letras’ colaboran a Xunta de Galicia -por medio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria- o Parlamento galego e a Real Academia Galega para achegarlle á cidadanía os persoeiros aos que as Letras Galegas homenaxearon desde a instauración da súa celebración, o 17 de maio de 1963, no ano en que a efeméride chega ao seu 50º aniversario.

Integran a exposición un total de 51 medallas conmemorativas dos e das homenaxeadas, que aloxa a Cámara galega na súa Sala das Letras Galegas e que cada ano confeccionan, por encarga do Parlamento de Galicia, o caricaturista Siro López e o escultor Manuel Ferreiro. Complétanse cos perfís biográficos de cada autor, cun vídeo divulgativo e cunha edición conmemorativa que se pode descargar, de balde en formato dixital, no seguinte enlace web http://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/Publicacions/51%20paxinas%20das%20nosas%20letras.pdf [nova venta]

A mostra, que iniciou a súa itinerancia en decembro de 2013 cunha primeira parada na propia sede parlamentaria, xa visitou as cidades da Coruña e de Ferrol. Logo do seu paso pola localidade ourensá do Carballiño, en cuxo auditorio municipal se poderá visitar ata o vindeiro 23 de marzo, percorrerá ata finais de ano numerosos puntos da nosa xeografía. As vindeiras paradas serán Celanova e Ourense cidade.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-03-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES