Notas de prensa

O negocio da música e o salto ao mercado internacional, a debate na CdC

Keith Harris, manager de Stevie Wonder e director xeral da Motown nos setenta, será un dos relatores internacionais xunto con Stuart Worthington, do MMF Training, e Christian Ulf-Hansen, coñecido polo seu traballo con Gabrielle, Lisa Loeb, Ron Sexsmith ou Corinne Bailey Rae. Xunta e Music Managers Forum-Spain promoven este seminario a finais de abril.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Music Managers Forum de España (MMF-Spain) organizan o seminario profesional O negocio musical actual. Listos para exportar?, que se desenvolve os días 24, 25, 29 e 30 de abril na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela. Dirixido a managers e artistas autoxestionados, o obxectivo é facilitarlles unha serie de ferramentas teóricas e prácticas para deseñar, negociar e executar una estratexia de expansión no marco da industria musical dentro e fóra de España.

Neste sentido, contarase coas achegas de destacados profesionais internacionais como Keith Harris, manager de Stevie Wonder e director xeral da Motown nos setenta; Stuart Worthington, do MMF Training, e Christian Ulf-Hansen, coñecido polo seu traballo con artistas como Gabrielle, Lisa Loeb, Ron Sexsmith ou Corinne Bailey Rae, entre outros.

Trinta prazas

Cultura e Educación, que impulsa esta iniciativa a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), e o MMF-Spain manteñen aberto ata o 31 de marzo o prazo de inscrición neste seminario a través do correo electrónico [email protected] [nova venta] . A Sociedad General de Autores y Editores (SGAE) presta tamén apoio económico a esta iniciativa, na que colabora así mesmo a Asociación Músicos ao Vivo.

Convócase un total de 30 prazas, que serán adxudicadas por rigorosa orde de solicitude. O prezo da matrícula xeral é de 22 euros e de 20 euros para os socios do MMF, SGAE e Músicos ao Vivo, así como para os usuarios do espazo de coworking Emprende Cultura Gaiás.

Este seminario profesional insírese no programa de promoción da internacionalización da música galega que a Consellería de Cultura e Educación desenvolve a través de diferentes eixes de acción, como o fomento da presenza en mercados internacionais ou as subvencións da Agadic á distribución, entre outros. Nesta mesma liña de traballo enmárcase tamén o apoio do departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad á celebración en Galicia de Womex 2014, o principal mercado internacional para a música de raíz, que terá lugar na Cidade da Cultura e noutros espazos de Santiago de Compostela do 22 ao 24 de outubro.

Programa

O programa de O negocio musical actual. Listos para exportar? desenvolverase ao longo de catro xornadas a través das que se afondará nos aspectos cruciais da realidade musical actual e nas claves para entender o negocio da música e aproveitar as oportunidades de internacionalización.

O seminario dará comezo o xoves 24 de abril con catro sesións arredor da figura e do traballo do manager, a cargo de Patricia Hermida e Natalia Talayero, directoras do MMF-Spain. Inserida á súa vez na federación internacional IMMF (International Music Managers Forum), esta asociación española de managers ten entre os seus fins o fomento da profesionalización dos managers e da industria musical en xeral.

O seminario continuará o venres 25 de abril cunha xornada titulada ‘A linguaxe da SGAE’, dedicada a afondar en cuestións xurídicas e prácticas cara á relación dos autores con esta sociedade de xestión, así como en diferentes aspectos da Lei de Propiedade Intelectual. Participarán como relatores Juan Carlos F. Fasero, director da Zona Noroeste da SGAE; Marian López, coordinadora do Departamento de Socios na sede de Asturias; e Marina Luiña, en representación do servizo xurídico desta entidade.

O módulo internacional deste programa ocupará as xornadas do martes 29 e do mércores 30 de abril. Na primeira delas, Stuart Worthington e Christian Ulf-Hansen proporcionarán aos asistentes unha serie de instrumentos para comprender o negocio musical actual, compartindo a súa ampla experiencia como xestores das súas propias compañías de management e como docentes en diferentes foros internacionais.

Máis de 30 anos con Stevie Wonder

Para a última cita deste evento contarase coa presenza de Keith Harris quen, acompañado de Worthington, centrarase na planificación e preparación do desembarco de artistas no mercado internacional. Harris xestiona a carreira de Stevie Wonder desde hai máis de trinta anos. Nos anos setenta desenvolveu a súa traxectoria en EMI Records, onde traballou con Elton John e onde chegou a poñerse á fronte do selo Motown, do que foi director xeral durante dous anos traballando con artistas tan míticos como Marvin Gaye, Diana Ross, Smokey Robinson, The Commodores ou The Supremes, entre outros.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-03-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES