Notas de prensa

Convocados os 2º Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco para emprendedores culturais

Os proxectos gañadores das 3 categorías -culturais en internet, deseño e xestión- contarán coa incorporación de balde durante doce meses ao espazo de coworking "Emprende Cultura Gaiás", asistencia ao maior meeting show de artes escénicas "Zinc Shower” e asesoramento de Agadic.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca a segunda edición dos premios ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’, concurso de ideas e proxectos innovadores co que dar apoio aos emprendedores e dinamizar as industrias culturais de Galicia. Unha convocatoria que permanecerá aberta ata o 31 de agosto e que busca poñer en marcha ideas ou proxectos innovadores no mundo das industrias culturais artelladas en tres modalidades: aplicacións informáticas ou proxectos culturais en internet, proxectos na área do deseño e na área da xestión cultural.

O premio en cada unha das modalidades será a incorporación gratuíta e durante doce meses ao espazo de coworking ‘Emprende Cultura Gaiás’ da Cidade da Cultura, a asistencia con todos os gastos pagados ao Zinc Shower, o maior meeting show de industrias culturais e creativas realizado en España; e o apoio, asesoramento e formación por parte de Agadic durante os primeiros pasos da empresa.

Aberto ao ámbito universitario

Esta segunda convocatoria está destinada a titulados de ciclos medios e superiores de Formación Profesional e das ensinanzas profesionais de artes plásticas, titulados e diplomados de escolas de arte, licenciados e diplomados universitarios en humanidades e/ou calquera outra rama artística e calquera outra persoa licenciada ou diplomada con vinculación no emprendemento cultural e que desexen desenvolver a súa actividade na Cidade da Cultura.

Xunto coa solicitude de participación, os interesados deberán presentar os seus traballos e documentación acreditativa da súa formación á Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Tanto as bases do concurso como a solicitude de inscrición están dispoñibles en www.cidadedacultura.org, www.agadic.info e www.edu.xunta.es.

Criterios de avaliación

à hora de avaliar os proxectos terase en conta –e por orde de importancia- o carácter innovador e a creatividade da idea presentada, as posibilidades de se converter nun proxecto viable, a adecuación do proxecto á modalidade presentada, a integración de perfís profesionais dos participantes, a súa capacidade dinamizadora e o impacto na súa área de influencia.

Proxectos gañadores da primeira edición

Os gañadores da primeira edición xa comezaron a desenvolver os seus proxectos no coworking e están a dar os primeiros pasos no desenvolvemento dos seus respectivos proxectos.

Así xa esta instalado Hugo Crespo Pazos co proxecto “Coolto”: unha ambiciosa axenda cultural galega estará dotada de tres apartados nos que o usuario poderá atopar a axenda propiamente dita (exposicións, eventos e música), unha galería virtual na que creadores emerxentes poidan dar a coñecer e promocionar as súas creacións, e un apartado de noticias, bolsas e cursos de formación no eido cultural. Por outra banda o de Isabel Albela González xa está comezando a desenvolver “Boh”; unha novidosa liña de agasallos e souvenirs moi vinculados coa tradición e coa modernidade galega.

Por último na área da xestión cultural, Benjamín Trillo tamén está a traballar na súa proposta de novo paradigma creativo na xestión de espectáculos de Galicia cun obxectivo claro: dinamizar o tecido cultural da nosa comunidade. Un proxecto que se sustenta en tres piares: formación, centrada en estudos especializados e incorporando as últimas tecnoloxías; creación de festivais do século XXI ou nos que un espectáculo se converte en “vivencia” sacándoos fóra dos circuítos tradicionais; e promoción de novas relacións entre os colectivos que interactúan no panorama cultural, pasando dunha estrutura vertical a unha de colaboración.

Homenaxe a Sixto Seco

Os premios Emprende Gaiás-Sixto Seco homenaxean a figura dun promotor cultural de primeira orde como foi o médico e intelectual galego Agustín Sixto Seco. Ademais do seu papel clave na medicina galega, Agustín Sixto Seco participou desde a década dos 70 en proxectos editoriais como Galaxia, en padroados como o de Rosalía de Castro e da Fundación Otero Pedrayo, así como en institucións como Penzol, Castelao, Camilo José Cela e o Museo do Pobo Galego.

Tras a súa morte, a colección de libros e o arquivo persoal deste intelectual –integradas por máis de 4.000 volumes que abarca desde importante exemplares dos primeiros tempos da edición galega de posguerra, especialmente de Galaxia, ata fondos americanos procedentes da emigración, abundantes obras sobre Galicia, así como de medicina ou temas históricos, relixiosos, políticos e literarios- forman parte da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-03-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260619-xunta.JPG) O programa formativo Medrando Xuntas permitiu que as mulleres participantes traballasen habilidades clave como a comunicación, a organización, o liderado, a toma de decisións, a participación interna e a mellora da confianza profesional, ao tempo que se fomentou a creación dunha rede de mulleres que se apoian, colaboran e comparten recursos e que se deron a coñecer proxectos que están a transformar a economía. En primeiro lugar, Medrando Xuntas contou cun programa formativo para reforzar a súa participación nas entidades de economía social. En segundo lugar, a formación para directivas estaba dirixida a mulleres con responsabilidades de dirección ou proxección cara ao liderado.
Foto de la tercera plana (medio-ambiente.jpg) Unha alianza entre o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e as compañías Naturgy InnovaHub e Flythings Technologies desenvolverá unha plataforma enerxética que transformará residuos en produtos de alto valor engadido. Neste caso transformaranse residuos como lodos de depuradora, restos orgánicos e biomasas, en produtos de alto valor engadido como biocombustibles (hidrochar e biometano) e vectores enerxéticos sostibles (hidróxeno e syngas). Para iso, a nova unidade mixta combinará distintas tecnoloxías e incorporará sistemas híbridos de almacenamento con baterías e supercondensadores, ademais de empregar ferramentas como Internet das cousas, os xemelgos dixitais e a aprendizaxe automática.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presentou a súa tempada 2026/27, 'Memoria', unha proposta artística que convida a reflexionar sobre a relación entre a música e a memoria, sobre a forma na que as obras do pasado continúan vivas no presente e sobre como a creación contemporánea dialoga permanentemente coa tradición. Concibida arredor da idea da memoria, a nova programación reúne grandes obras do repertorio sinfónico e algunhas das voces máis destacadas da creación actual.
A sala Normal acolleu a presentación da publicación 'De Esmelle a Ãtaca', unha reflexión de Emma Pedreira e María Besteiros sobre a pegada de Begoña Caamaño na escritura mítica feminista, editada polo Servizo de Publicacións da institución académica. O acto, protagonizado por unha das autoras, María Besteiros, foi aberto pola vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deportes da Universidade da Coruña, Cristina Naya.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES