Notas de prensa

Preséntase en Madrid a Guía Ilustrada da Catedral de Santiago de Compostela

O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta referiuse á Catedral como un símbolo permanente da Galicia secular e á cidade como "o quilómetro cero do Camiño máis antigo de Europa, fonte de peregrinación, reflexión e perdón para todo o catolicismo europeo e lugar de encontro de culturas e linguas".

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, participou esta tarde na presentación da "Guía Ilustrada da Catedral de Santiago", que tivo lugar na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia.

Ademais, interviñeron no acto o delegado da Xunta de Galicia en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega, os autores da Guía, a historiadora e deputada en Madrid Marta González Vázquez e o ilustrador Joaquín González Dorao, e a representante de El Patito Editorial, responsable da publicación, Gemma Sesar. Entre o máis dun centenar de persoas que asistiron á presentación achábase o Valedor do Pobo, José Julio Fernández, unha trintena de deputados de máis dunha decena de comunidades autónomas e alumnos das clases de galego que se imparten na Casa.

O secretario xeral destacou que a Guía está "levada pola pluma dunha gran medievalista e un magnífico ilustrador", así como o feito de que sexa editada en varias idiomas, agora en castelán e en galego e o próximo mes de maio sairá en inglés e xaponés. Neste sentido, referiuse a ela como "un espello que reflicte a forma como queremos ser e presentarnos ante o mundo”.

García Gómez tamén se referiu á Catedral de Santiago como un símbolo permanente da Galicia secular, na que concorren moitas circunstancias, e á cidade que a alberga como "o quilómetro cero do Camiño máis antigo de Europa, fonte de peregrinación, reflexión e perdón para todo o catolicismo europeo e lugar de encontro de culturas e linguas".

"É un libro para ter sempre a man, de doada lectura, marabillosamente escrito e ilustrado, para soñar a Catedral. Di a contraportada que é a Catedral de Santiago como nunca te lle tiñan contado e é certo", valorou Ónega sobre a obra presentada.

Nesta obra, o prestixioso ilustrador gaditano Joaquín González Dorao, autor de cadernos de viaxe editados en varios idiomas, plasmou en acuarelas cada canto da Catedral compostelá. "Cando me propuxeron facer unha guía da Catedral sorprendeume un pouco. Eu adoito facer guías de cidades ou países, crin que non ía haber material suficiente para facer un libro enteiro da Catedral. Pero conforme fun traballando e descubríndoa me impresionou a historia que ten e a de cantos e lugares interesantes", explicou, resaltando que tivo acceso a lugares visitables e non visitables e que lle impresionou, sobre todo, "poder debuxar de preto o Pórtico da Gloria, dende a estada, a poucos centímetros do orixinal, e debuxar dende o alto dun campanario, unha experiencia incrible".

A historiadora Marta González Vázquez complementa a Guía coa súa erudición. Gustoulle o traballo previo do debuxante: "Ten elixido, aos ollos dun artista, aqueles lugares e cantos da Catedral que máis lle chamaron a atención, sen deixarse levar por ideas preconcibidas" e "presenta eses cantos dun xeito moderno e fresco", apreciou. Ela tivo a complicada tarefa de sintetizar en textos amenos toda a información básica deste monumento: “Son medievalista, polo que me interesa especialmente a orixe de Compostela, vinculado ao descubrimento da tumba e a súa identificación co Apóstolo Santiago, a posterior peregrinación e a creación dunha cidade no seu ámbito. Por iso procurei escapar da típica guía e intentar levar ao lector a ver máis alá do que os seus ollos ven neste momento", explicou.
Para González Vázquez la Catedral de Santiago forma parte dela mesma, pois alí fixo unha parte importante da súa tese doutoral, sobre o Señorío dos arcebispos composteláns na Idade Media. "É un edificio completamente singular, que serviu mesmo de modelo para outras igrexas, as chamadas igrexas de peregrinación. Nela traballaron os mellores artistas medievais, renacentistas e barrocos, deixando exemplos tan sobresaíntes como o Pórtico da Gloria ou a Fachada do Obradoiro. Os ritos de peregrinación que se realizan no seu interior tamén son únicos, culminando co voo do botafumeiro, espectáculo que non ten parangón e que creo que ningún peregrino ou visitante esquece xamais". Ademais, a historiadora deleitou aos asistentes con algúns episodios da historia compostelá que contribúen á singularidade da súa Catedral.

Pola súa banda, Sesar contou que levaba tempo pensando que Santiago necesitaba algo destas características cando vió unha imaxe do ilustrador nas redes sociais e contactou con el para un traballo que, en principio, ía ser máis pequeno e que foi crecendo primeiro coas ilustracións de Joaquín González e despois cos textos da medievalista Marta González.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-02-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES