Notas de prensa

O concerto infantil Toc Toc abre en Ourense o programa FalaRedes 2014

FalaRedes 2014 para dinamizar o galego entre a xente miúda inclúe ata finais deste ano cinco propostas de dinamización lingüística para diferentes públicos, con especial incidencia na infancia e na familia. O concerto Toc Toc para nenos de 3 a 10 anos abre o programa en Ourense e percorre os concellos que integrn a Rede de Dinamización Lingüística.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio do seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou en rolda de prensa a nova edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes, que chegará por terceiro ano a todos os concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

En palabras do secretario xeral, o seu departamento “incide na programación de actividades de dinamización lingüística para fornecer os concellos implicados na promoción do galego de propostas de ocio na nosa lingua e para achegarlle á cidadanía o idioma como un valor positivo, útil e moderno”. Segundo explicou García Gómez, “tanto desde FalaRedes, o programa de dinamización que a Consellería de Cultura e Educación lle destina á RDL, como desde a programación propia da RDL queremos reforzar, ampliar e consolidar unha importante oferta de lecer, da man de propostas novidosas e de artistas que apostan polo idioma como ferramenta da súa creatividade”.

García Gómez estivo acompañado polos músicos coruñeses Pablo Díaz e Olga Kirk, xestores do concerto infantil-familiar Toc Toc, unha das cinco propostas de promoción do uso da lingua galega que ofrecerá o programa durante este ano.

Toc Toc, concertos para a xente miúda da casa

A terceira edición de FalaRedes bota a andar con Toc Toc, concertos para nenos de tres ata dez anos de idade e para as súas familias nos que os coñecidos músicos Pablo Díaz e Olga Kirk darán conta do repertorio musical do seu disco homónimo, publicado recentemente pola editorial Galaxia.

Toc Toc rima con rock, pop, folk e tamén con soul, que neste espectáculo se mesturan coa tradición galega, ao cobraren protagonismo sobre o escenario os romances infantís O piollo e a pulga e Mazarico, que converten o concerto nunha festa na que a cativada baila e canta na nosa lingua. A música actúa así como fonte de transmisión do galego promovendo que a xente miúda siga cantando as cancións tras finalizar a actividade.

Da man de FalaRedes 2014, Toc Toc chegará, entre marzo e abril, a 20 localidades galegas pertencentes á RDL. A primeira parada será Ourense, o sábado 1 de marzo, cuxo Auditorio Municipal acollerá a estrea, ás 18:00 horas. Como en todas as actividades de FalaRedes, a entrada será de balde ata completar a capacidade das salas.

As seguintes paradas serán, neste mesmo mes, Marín, Silleda, Ribadavia, Arteixo, Carral, Ferrol, Cuntis, Baiona, Santiago de Compostela e O Porriño. Xa en abril, o Toc Toc chegará a Burela, a Oleiros, ao Barco de Valdeorras, a Bueu, a Xinzo de Limia, a Vedra, Ponteareas, a Vilagarcía de Arousa e a Mos, completando así a súa xira en exclusividade para a RDL en 20 puntos de Galicia.

FalaRedes

O programa de dinamización lingüística chega á súa terceira edición, logo do éxito obtido nas case 400 actividades desenvolvidas no marco da RDL durante os dous primeiros anos. As 150 propostas que o integran buscan cumprir os obxectivos emananados do Plan xeral de normalización da lingua galega, nomeadamente, aqueles que animan a promover o uso e a valoración positiva da lingua propia de Galicia na infancia, na mocidade e na familia, enchendo o seu tempo de lecer con actividades de calidade no noso idioma.

Ata final de ano chegará á totalidade de concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir nunha promoción do uso do idioma desde as administracións local e autonómica dunha maneira coordinada e planificada. Conta na actualidade con preto de 160 entidades adscritas.

Máis información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes e nas redes sociais.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-02-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES