A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) un ciclo de cinema como actividade paralela á exposición 93 que conmemora os vinte anos de apertura do centro. Despois do éxito da primeira parte do ciclo dedicado ao cinema italiano, o segundo eixo desta iniciativa, baixo o título Ninguén é perfecto?, estará centrado no tratamento dun dos maiores tabús do século XX: a transexualidade e o travestismo no cinema.
Organizado en once sesións, o ciclo arrancará este xoves ás 20,30 horas co filme Orlando, de Sally Potter, unha obra que precisamente gañou na edición do ano 1993 do Festival Cineuropa en Santiago de Compostela. O venres á mesma hora exhibirase The Crying Game do director irlandés Neil Jordan.
Os outros títulos que completan o bloque Ninguén é perfecto? son Breakfaston Pluto, tamén de Neil Jordan; as dúas versións de Victor e Victoria, de 1933 e 1982, dos directores Blake Edwards e Reinhold Schünzel respectivamente; Morrer como um homem do portugués João Pedro Rodrigues; Madame Satã de Karim Aïnouz; a francesa Tiresia, baixo a dirección de Bertrand Bonello; Ma vie en rose, de Alain Berlinerou; Boys dont Cry, de Kimberly Peirce; e The Naked Civil Servant, de Jack Gold.
A terceira sección do ciclo xirará arredor do cinema británico, con filmes realizados na Inglaterra thatcheriana. As proxeccións, que teñen lugar no auditorio do CGAC son de entrada é libre e gratuíta ata completar as localidades.
Orlando
A historia comeza na época isabelina cando a raíña Isabel I, no seu leito de norte,entrégalle a un nobre e andróxino mozo un xeneroso legado coa condición de que non se faga vello nunca. Orlando cumpre a súa promesa e vive no castelo durante moitos séculos cultivando a poesía e a arte. Despois dunha longa viaxe esperta unha mañá e decátase de que durante a noite o seu corpo mudou ao dunha muller. Orlando regresa á súa terra e descobre que ten varios xuízos pendentes. As demandas están baseadas na crenza de que Orlando foi sempre unha muller e que, polo tanto, non ten dereito ás herdanzas reais. Os séculos posteriores son realmente fatigosos, os seus casos na corte, e a súa mala sorte no amor e nas guerras.
Con dirección e guión de Sally Potter e baseada na novela de Virginia Woolf, esta película de 1992 conta coa interpretación de Tilda Swinton, Billy Zane, Lothaire Bluteau, Quentin Crisp, John Wood, Charlotte Valanadrey e Heathcote Williams.
The Crying Game
Fergus é un voluntario do IRA que toma parte no secuestro dun soldado británico, Jody. Durante a súa custodia, establece unha amizade co prisioneiro e acaba por prometerlle que, no caso de que morra, irá buscar a súa noiva e asegurarase de que estea ben. Tras a morte de Jody, atropelado polos soldados que o ían rescatar, Fergus foxe a Londres e, disposto a cumprir a súa promesa, acode ao salón de peiteado onde traballa Dil, a noiva do soldado, que ademais é unha cantante ocasional en pubs. Fergus faise amigo da misteriosa e sensual Dil, da que se acaba namorando. Pero ela tamén ten un segredo e a historia dá un xiro inesperado cando este sae á luz.
Este drama foi dirixido en 1992 por Neil Jordane, interpretada por Forest Whitaker, Miranda Richardson, Stephen Rea, Adrian Dunbar, Breffni McKenna, Joe Savino, Birdy Sweeney e Jaye Davidson.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.