
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou en rolda de prensa a instalación que o artista coruñés Xurxo Gómez Chao acaba de realizar no Museo de Belas Artes da Coruña. Trátase dunha monumental peza suspendida no espazo situado baixo o lucernario das salas 1, 3 e 5 do museo, que foi construída no marco do obradoiro para adultos Artistas no museo.
O secretario xeral asegurou durante a presentación que iniciativas coma esta permiten ofrecerlle ao público a oportunidade de achegarse á obra e ao sistema de traballo dun artista plástico, así como de participar dos seus procesos. Así mesmo, Anxo Lorenzo destacou que constitúen unha canle para implicar os artistas galegos na actividade habitual do museo, dando a coñecer a súa obra e facéndoos, ao mesmo tempo, partícipes da actividade cultural desenvolvida pola institución.
Construción con materiais e diversos obxectos
Influenciado por artistas como Friedrich, Turner, Monet ou Hokusai, o coruñés Xurxo Gómez recorre na súa obra a temas como a natureza, o home e o tempo, así como a exploración de territorios descoñecidos e inquietantes. Neste caso, centrou o seu traballo na elaboración dun proxecto artístico baseado na construción dunha xigantesca retícula, confeccionada a base de diversos obxectos e materiais (ramas, follas, árbores, las de cores, bonecas etc.).
Ademais, da dita instalación resultou unha interesante colección de fotografías artísticas, a través das que se despregan múltiples puntos de vista nos que a peza contemporánea interactúa coa arquitectura e as coleccións de pintura antiga do museo. Trátase, polo tanto, de dúas obras nunha, a instalación e as fotografías resultantes.
Conversa sobre o proceso creativo
Xurxo Gómez Chao e o alumnado do obradoiro Alberte Sánchez Regueiro, Pedro Abad Vidal, Jacinto Ruíz, Alfonso Rego López e Félix Andrade Pérez conversarán hoxe co público no Museo de Belas Artes da Coruña, ás 19:00 horas, para dar a coñecer o proceso creativo desenvolvido na formulación e creación deste proxecto.
A actividade na que se enmarca esta instalación, Artistas no museo, foi iniciada en 2012 coa colaboración de Xavier Correa Corredoira e este ano celebrará a súa terceira edición. Xunto con esta iniciativa, o Museo de Belas Artes vén desenvolvendo, desde hai máis de 10 anos, outros proxectos nunha liña similar, como son os obradoiros de gravado, nos que coñecidos nomes do mundo das artes, como son os pintores e gravadores Omar Kessel, Ane Heyvaert, Isabel Pintado ou Ali Ali, comparten a súa obra, coñecementos e experiencia co público coruñés.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.