Notas de prensa

A mostra Nimbos de luz conmemora as Letras Galegas 2014 sobre Díaz Castro

Arranca o programa de actividades conmemorativas do Día das Letras Galegas 2014 adicado ao poeta de Guitiriz Xoxé María Díaz Castro. A mostra Nimbos de luz, que será itinerante, achega a vida e obra do autor a quince concellos de toda a xeografía galega.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presidiu na Casa Habanera de Guitiriz a inauguración da mostra temporal Nimbos de Luz. A exposición, impulsada polo departamento que dirixe, enmárcase no programa anual de actividades conmemorativas do Día das Letras Galegas 2014 posto en marcha desde a Xunta de Galicia en colaboración con outras entidades e institucións. Trátase “dun amplo abano de actividades coas que o pobo galego lle rende xusta homenaxe a quen, como poeta, tradutor e intelectual preocupado polo seu país, pola lingua e pola cultura de nós nunca deixou de pensar en Galicia”, afirmou Vázquez Abad.

Concretamente, Nimbos de luz é unha mostra itinerante que percorrerá quince concellos das catro provincias de Galicia. A exposición está producida pola Editorial Galaxia e Merlín Comunicación, e ten como comisarios a Alfonso Blanco Torrado, Luís González Tosar e Armando Requeixo. Do proxecto expositivo o conselleiro destacou a súa “calidade didáctica” e o traballo realizado polos comisarios, “os dous primeiros amigos do poeta e o terceiro estudoso da súa vida que, no uso da palabra, nos lembraron a importancia e a altura creativa dun gran literato”.

‘Nimbos de luz’ permite unha ampla aproximación á vida e a obra de Díaz Castro a través de 14 paneis temáticos. A mostra inclúe ademais diversos materiais multimedia e o emprego doutros soportes expositivos, como mesas-vitrina e peanas, para a instalación de obxectos e publicacións orixinais. En cada unha das quince sedes distribuiranse de xeito gratuíto folletos en formato acordeón que reproducen cada un dos paneis. A mostra complétase coa proxección do documental O instante eterno de Xosé Antón Cascudo.

Ademais do conselleiro de Cultura e Educación participaron na inauguración o alcalde de Guitiriz, Xosé María Teixido Núñez; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; e o presidente da Asociación Xermolos e comisario da mostra, Alfonso Blanco Torrado. Igualmente, estiveron presentes a Delegada Territorial da Xunta, Raquel Arias, e Anxo Lorenzo e Valentín García, secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, respectivamente.

Percorrido polas catro provincias galegas

A mostra ‘Nimbos de luz’ inicia o seu periplo na Casa Habanera de Guitiriz, terra natal do poeta, na que permanecerá ata o 8 do vindeiro mes de marzo, o percorrido por quince concellos das catro provincias galegas.

A vindeira etapa da exposición será na cidade de Vigo. Entre o 11 e o 25 do vindeiro mes de marzo, a mostra estará instalada na delegación territorial da Xunta. A itinerancia programada continuará en Pontevedra, onde a mostra poderase visitar na biblioteca nodal Antonio Odriozola do 26 de marzo ao 14 de abril.
A itinerancia de ‘Nimbos de luz’ chega logo á provincia de Coruña. O centro cívico de Cerceda, do 16 de abril e o 8 de maio, e a santiaguesa biblioteca Ánxel Casal, do 10 de maio ao 26 do mesmo mes, serán as súas seguintes estadías.

A Casa das letras de A Estrada, do 28 de maio ao 11 de xuño, o multiusos da Xunqueira en Redondela, do 13 ao 29 de xuño, e o auditorio de Vilagarcía de Arousa, do 1 ao 30 de xullo, constitúen as tres seguintes paradas da mostra na provincia de Pontevedra.

Logo dunha estada agostiña no concello de Mondoñedo (Lugo), ‘Nimbos de luz’ chegará consecutivamente a tres novas cidades galegas. Do 2 ao 16 de setembro a exposición permanecerá na biblioteca Miguel González Garcés, para proseguir o seu percorrido por outro centro bibliotecario nodal, neste caso o da cidade de Lugo, do 18 ao 30 de setembro, e pechar o seu periplo urbano na Casa da Xuventude de Ourense, do 2 ao 16 de outubro.

A casa da cultura de A Rúa (Ourense), entre 18 de outubro ao 3 de novembro, a nova casa da cultura de Cee (Coruña), do 1 ao 14 de decembro, e a Casa dos poetas de Celanova, do 15 ao 31 de decembro, serán as tres últimas estadías da mostra.

Centenario de Díaz Castro

Insigne poeta e tradutor nado na parroquia de Os Vilares (Guitiriz) en 1914, Díaz Castro ten a consideración de autor dun dos libros esenciais da poesía galega do século XX, Nimbos (1961). Con todo, a súa obra é notablemente máis extensa, pois gran parte da mesma permanece espallada por revistas, xornais e volumes colectivos, ademais de opúsculos e cadernos que tiveron unha escasa difusión ou mesmo permaneceron inéditos. Neste sentido, previos a súa obra cume, o guitiricense escribiu pezas como Follas verdes (1934), Follas ô aire (1935), Caderno-Borrador Manuscrito (1946), Nascida d’un sono (1947) ou El cántico de la ciudad (1947).

Coincidindo co centenario do nacemento de Xosé María Díaz Castro, o Concello de Guitiriz, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, a Asociación Cultural Xermolos, o Centro Pen de Galicia e a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega participaron conxuntamente na celebración desta efeméride na terra natal do escritor, que serve ademais como punto de partida para o ronsel de celebracións coas que se conmemora o Día das Letras Galegas 2014. Neste sentido, a propia inauguración de ‘Nimbos de luz’ enmárcase dentro do programa de actos co que se dá comezo ao ‘Centenario de Díaz Castro’.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-02-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES