
Radio campUSCulturae on Line, a primeira experiencia de radio universitaria estable que se vai desenvolver na Universidade de Santiago, inaugurou, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Radio, a súas emisións cun programa en directo que se desenvolveu no auditorio da Facultade de Ciencais da Comunicación diante uns 400 escolares pertencentes a 11 centros de ensino que resultaron finalistas do I Certame de Radio Escolar CampUSCulturae.
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares, asistiu á estrea das emisións da nova canle de radio universitaria, no transcurso dun acto no que tamén participaron o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Xosé Pereira Fariña, así como os coordinadores da Radio CampUSCulturae on line, Irene García García, Xosé a. Neira Cruz e Toni España Faqué.
A nova canle Radio campUSCulturae on line, que é unha iniciativa do proxecto europeo homónimo coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela e que conta con financiamento da Culture Agency da Unión Europea, emitirá a diario unha programación realizada por estudantes, profesores e persoal non docente da USC, así como por centros de ensino non universitario, colectivos de inmigrantes, asociacións e internos dos centros de penitenciaría de A Lama (Pontevedra) e Teixeiro (A Coruña).
Asemade, esta nova canle, que pretende prestar especial atención á diversidade cultural, ás minorías lingüísticas, á creatividade e, entre outras, ás persoas en risco de exclusión social, incorporará en próximas datas contidos doutras canles radiofónicas universitarias.
A nova radio comeza as súas emisións cunha grella de programación composta por 10 propostas iniciais: Metrópoles delirantes, primeiro programa radiofónico sobre banda deseñada existente en Galicia, presentado pola locutora Nieves Rodríguez; ¿Claro para todos?, programa sobre lecer universitario; Neurovit, programa sobre música electrónica e ciencia; 94 voces, espazo dedicado á información de actualidade; a axenda cultural Zona O; o programa Voz crítica, de reportaxes informativas de actualidade; Generación 9.0, programa sobre a cultura e as tendencias dos 90; Al detalle, programa de monográficos temáticos; o programa infantil Abracadrabra; e Todas as mañás do mundo, espazo de viaxes por linguas, países e culturas.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.