
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, estréase como sala de exhibición do primeiro Circuíto de Cine Independente que se pon en marcha a nivel estatal en centros culturais públicos.
Esta nova rede cinematográfica arrinca en cinco sedes ademais da Filmoteca galega, o Centro Cultural Niemeyer de Avilés, a Tabakalera de Donostia, o Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León (Musac) de León e a Filmoteca de Culturarts-IVAC de Valencia co obxectivo de atender a proxección de películas de calidade que proveñen do circuíto internacional de festivais, mais que non contan con distribuidora en España.
Sesión dobre
Na Coruña, o programa dá comezo o martes día 11 cunha sesión dobre, ás 18.00 e ás 20.30 horas, de Museum Hours, último traballo do cineasta radicado en Nova York Jem Cohen, ao que o CGAI xa lle dedicara unha retrospectiva hai uns anos. Rodado no Kunthistorisches Arts Museum de Viena, o filme converte este gran museo nunha misteriosa encrucillada a raíz da amizade entre un dos gardas e unha enigmática visitante. Estreada en 2012 no Festival de Locarno, onde foi galardoada co premio de Cine Arte, a fita percorreu xa moitos dos principais festivais internacionais de cine independente.
O programa do circuíto, a través do que se tentará presentar unha media dunha película ao mes como mínimo, continuará a semana que vén coa proxección de I used to be darker, do estadounidense Matthew Porterfiled. Este traballo exhibirase o martes día 18, tamén en sesión dobre ás 18.00 e ás 20.30 horas.
I used to be darker, que en 2013 foi presentada na Berlinale e en Sundance, entre outras mostras internacionais, aborda unha historia de revelacións familiares a partir da chegada a Estados Unidos de Taryn, unha fuxitiva de Irlanda do Norte, para se refuxiar na casa dos seus tíos.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.