O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou, durante a rolda de prensa posterior ao Consello, a remisión ao Parlamento do proxecto de Lei de arquivos e documentos de Galicia. Subliñou que se trata dunha Lei destinada a que Galicia conte cun regulamento específico nesta materia que garanta máis coordinación entre os distintos arquivos da Comunidade; maior modernización, ao lexislar por primeira vez o papel dos arquivos no medio electrónico, e abordar o desenvolvemento da dixitalización de documentos; e a fomentar unha xestión documental eficiente.
Despois de lembrar que a ata o de agora a Lei do patrimonio cultural de Galicia, que data de 1195, foi a primeira norma legal que dedicou unha atención aos arquivos e ao patrimonio documental, Feijóo explicou que o primeiro obxectivo do novo texto é delimitar un Sistema de Arquivos de Galicia, que agrupe os arquivos públicos da Comunidade e os privados que así o soliciten.
Deste xeito, no Sistema de Arquivos de Galicia proponse a integración das administracións públicas, entendendo por tales a Xunta, os concellos e as universidades. E ao Arquivo de Galicia, situado na Cidade da Cultura, e que é a cabeceira deste sistema, correspóndelle ditar as directrices técnicas e de coordinación do resto dos arquivos das Administracións Públicas de Galicia, subliñou.
En segundo lugar, o titular da Xunta afirmou que a nova lei adecúa á realidade actual esta materia, marcada de forma moi importante polo uso das novas tecnoloxías. Así, esta norma lexisla, por primeira vez, o papel dos arquivos no medio electrónico e aborda o desenvolvemento da dixitalización de documentos.
Así mesmo, o texto marca como obxectivo tamén unha xestión documental eficiente, creándose para iso o Consello de Avaliación Documental de Galicia, que será o órgano encargado de establecer os criterios sobre os documentos que se deban conservar polo seu valor histórico ou informativo.
No tocante, en cuarto lugar, ao acceso da cidadanía á documentación, a nova lei establece os principios que deben rexer este dereito no sentido de facilitarlles ás institucións e ás persoas cantos datos necesiten e acceder ao seu soporte documental. Nese sentido, garantiu que o acceso será totalmente escrupuloso para os documentos que conteñan datos persoais co deber de salvagardar outros dereitos como a seguridade, a saúde, a intimidade ou a imaxe das persoas.
En definitiva -resumiu o presidente autonómico-, hoxe aprobamos un texto, o remitimos ao Parlamento, para desenvolver un verdadeiro sistema de arquivos de Galicia, organizado de forma transversal, e cun centro de coordinación deses arquivos que sinalará directrices, que é o Arquivo de Galicia, situado nun dos edificios da Cidade da Cultura.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.