Notas de prensa

Entregados os premios Sixto Seco ao emprendemento cultural a través do Gaiás

Emprende Gaiás son os premios que recoñecen a valentía dos xóvenes por emprender en tempos de crise novos proxectos culturais. Entregáronse aos gañadores: Hugo Crespo co proxecto web Coolto; Isabel Albela González coa iniciativa de deseño Boh; e Benjamín Trillo Díaz no eido da xestión cultural.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, acompañado por representantes da familia Sixto-Seco entregou os premios ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’, promovidos pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia para poñer en marcha ideas innovadoras no mundo das industrias culturais e creativas.

O acto celebrado no coworking do Gaiás contou coa presenza das fillas do intelectual Agustín Sixto-Seco, destacado promotor cultural a quen se lle dedican estes premios nos que resultaron gañadores Hugo Crespo Pazos co proxecto Coolto na modalidade de proxectos culturais en internet; Isabel Albela González coa iniciativa Boh na área do deseño; e Benjamín Trillo Díaz no eido da xestión cultural.

O titular de Cultura e Educación felicitou aos gañadores así como a todos os participantes nesta convocatoria pola súa “valentía e a súa capacidade para emprender en tempos de crise”. Vázquez Abad asegurou que “o apoio ás industrias culturais e creativas seguirá a ser unha prioridade para este 2014, poñendo en marcha e apoiando iniciativas que contribúan a formar profesionais neste sector, dinamizar o tecido empresarial xa existente e potenciar as súas particularidades e necesidades”.

Asemade, o conselleiro, acompañado do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, aproveitou a entrega de premios para conversar cos responsables das empresas que xa están instaladas no coworking do Gaiás.

Incorporación ao coworking do Gaiás

Cada un dos premiados incorporarase de balde e durante doce meses ao espazo de coworking ‘Emprende Cultura Gaiás’ da Cidade da Cultura; asistirá, con todos os gastos pagados, ao Zinc Shower 2014, o maior meeting show de industrias culturais e creativas realizado en España; e recibirá apoio, asesoramento e formación por parte de Agadic durante os primeiros pasos da empresa.

Á hora de avaliar os proxectos tívose en conta –e por orde de importancia- o carácter innovador e a creatividade da idea presentada, as posibilidades de se converter nun proxecto viable, a adecuación do proxecto á modalidade presentada, a integración de perfís profesionais dos participantes e a súa capacidade dinamizadora e o impacto na súa área de influencia.

Internet, deseño e xestión cultural

Na modalidade de aplicacións web e proxectos culturais en internet, o premio Emprende Gaiás-Sixto seco recaeu en Hugo Crespo Pazos e o seu soporte virtual Coolto. Concibido como unha ambiciosa axenda cultural galega, este portal estará dotado de tres apartados no que o usuario poderá atopar a axenda propiamente dita (exposicións, eventos e música), unha galería virtual na que artistas emerxentes poidan dar a coñecer e promocionar as súas creacións, e un apartado de noticias, bolsas e cursos de formación no eido cultural.

Na área de deseño, a gañadora foi Isabel Albela e o seu proxecto denominado Boh, unha novidosa liña de regalos e souvenirs moi vinculados coa tradición e coa modernidade galega.

Por último na área da xestión cultural, Benjamín Trillo propón un novo paradigma creativo na xestión de espectáculos de Galicia cun obxectivo claro: dinamizar o tecido cultural da nosa comunidade. Este novo paradigma susténtase en tres piares: formación (promovendo estudos especializados e incorporando as últimas tecnoloxías), creación de festivais do século XXI ou nos que un espectáculo se converte en “vivencia” (deslocalizando os eventos e sacándoos fóra dos circuítos tradicionais) e promovendo novas relacións entre os colectivos que interactúan no panorama cultural, pasando dunha estrutura vertical a unha colaborativa.

Homenaxe a Sixto Seco

Os premios Emprende Gaiás-Sixto Seco homenaxean a figura dun promotor cultural de primeira orde como foi o médico e intelectual galego Agustín Sixto Seco. Ademais do seu papel clave na medicina galega, Agustín Sixto Seco participou desde a década dos 70 en proxectos editoriais como Galaxia, en padroados como o de Rosalía de Castro e da Fundación Otero Pedrayo, así como en institucións como Penzol, Castelao, Camilo José Cela e o Museo do Pobo Galego.

Tras a súa morte, e biblioteca e arquivo persoal deste intelectual –integrada por máis de 4.000 volumes que abarca desde importantes exemplares dos primeiros tempos da edición galega de posguerra, especialmente de Galaxia, fondos americanos procedentes da emigración, abundantes obras sobre Galicia, así como de medicina ou temas históricos, relixiosos, políticos e literarios– forman parte da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-01-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES