Notas de prensa

Xunta e editoriais valoran medidas de reforzo da proxección do libro galego

Reforzar a proxección do libro a través das principais feiras internacionais é o principal obxectivo do encontro entre a Xunta e representantes do sector editorial que participaron na Feira Internacional do Libro (FIL) de Guadalaxara, en México.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria valora coas editoriais galegas novas actuacións que contribúan a reforzar a proxección do sector a través das principais feiras internacionais do libro. Con este fin, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, mantivo unha reunión con representantes da maioría de editoriais que participaron o pasado mes de decembro na Feira Internacional do Libro (FIL) de Guadalaxara, en México, onde Galicia contou cun stand propio.

Ademais de facer balance da actividade realizada polos profesionais galegos no evento máis importante do mundo, o encontro tivo como obxectivo valorar novos mecanismos que contribúan a impulsar a difusión da produción editorial galega no exterior e a favorecer o intercambio comercial a través destas feiras internacionais.

Para avanzar nesta dirección, apostouse por establecer mecanismos que garantan a coordinación permanente entre a Administración autonómica e as empresas interesadas en participar nestes eventos culturais, así como por intensificar a planificación da actividade a desenvolver nas feiras. A elaboración de material promocional da produción editorial e a incorporación de produtos dixitais á exposición pública do stand foron outras das propostas que se abordaron no marco do encontro, que tivo lugar hoxe na Biblioteca e Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura.

Representantes, entre outros, de OQO Editora, Editorial Galaxia, Edicións Positivas, Linteo Ediciones, Nova Galicia Edicións, McSports e Ideas Propias Editorial asistiron á reunión, na que tamén participaron a Asociación Galega de Editores, as dúas escritoras galegas convidadas á FIL de Guadalaxara, Fina Casalderrey e Elena Gallego, e a subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal.

En 2013, a Consellería apoiou a presenza das editoriais galegas nas feiras de Boloña, o pasado mes de marzo; de Bos Aires, en abril; de Frankfurt, en outubro; e de Guadalaxara, en decembro. Coa presenza de Galicia nestes eventos culturais, o obxectivo da Consellería de Cultura e Educación é impulsar a competitividade da literatura galega no mercado internacional, de apoiar os creadores e de fomentar a innovación á hora de editar, distribuír e promover o libro e a literatura galega no exterior.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-01-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES