Notas de prensa

Acuario, na programación de ocio para o Nadal de varios concellos galegos

O espectáculo poético-teatral "Acuario" continúa a súa programación ata finais de decembro, no marco do proxecto de dinamización lingüística FalaRedes 2013, percorrendo os muncipios de Melide, A Cañiza, A Baña e Corcubión, no marco do programa de ocio para o Nadal. "Acuario" inspírase no poemario de María Canosa e ofrece os monicreques con música en directo e humor.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria levará o espectáculo poético-teatral ‘Acuario’, no marco do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes 2013’, a catro concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia durante esta semana de Nadal. Melide, A Cañiza, A Baña e Corcubión serán as localidades anfitrioas da actividade familiar que busca que a xente miúda da casa se achegue á poesía en lingua galega á vez que aprende os nomes dos peixes e descobre a riqueza biolóxica (e gastronómica) do noso litoral.

A iniciativa conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e mais da Deputación da Coruña nas localidades desta provincia incluídas na itinerancia. Esta mesma tarde chegará a Melide, onde se poderá ver na Biblioteca Municipal ás 17:00 horas. Mañá, xoves, ‘Acuario’ chegará á Cañiza, cun pase no Auditorio Municipal ás 17:00 horas e o venres, á Baña, cunha función nas Escolas Vellas de San Vicente ás 12:00 horas. Por último, o sábado á tarde, a actividade despedirá a semana en Corcubión, cun pase no Auditorio Municipal, ás 19:00 horas.

‘Acuario’ inspírase no poemario homónimo de María Canosa (editado por Embora), quen participa no espectáculo canda ao elenco artístico do Teatro dos Ghazafellos, acompañados de vistosos monicreques, de música en directo e de humor. Tras as funcións previstas para esta semana, a iniciativa de dinamización lingüística concluirá a súa xira no marco do programa ‘Falaredes 2013’ o vindeiro luns en Curtis.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-12-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES