
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presenta en concerto "Solo. Violín contemporáneo", o novo traballo do vigués Roberto Alonso Trillo. O Museo do Mar de Galicia é o escenario da presentación do primeiro disco galego de violín contemporáneo, no marco dun concerto o mércores 18 de decembro, que conta coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
O traballo de Roberto Alonso inclúe obras para violín dos compositores galegos Octavio Vázquez, Fernando Buide e Eduardo Soutullo, dos compositores españois David Gálvez, Tomás Marco e do latinoamericano Samuel Robles, e conta coa colaboración ao piano de Olga Gollej.
O álbum editado co selo Ouvirmos e que chega ao mercado en formato dixital recolle parte da experiencia profesional nos últimos anos do violinista vigués, que procura reflectir neste novo traballo a voz do home actual, a súa reflexión e as súas inquedanzas. Ademais, o disco presenta obras compostas expresamente para o disco coa única excepción de O Pulcre Facies por autores galegos e de fóra de Galicia de recoñecida proxección internacional.
Difusión do talento actual
Coa colaboración neste proxecto, a Secretaría Xeral de Cultura favorece unha nova vía de apertura cara á contemporaneidade no ámbito da creación musical, ao tempo que contribúe coa difusión do talento actual das artistas e dos artistas galegos. Con este mesmo obxectivo, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo apoiou tamén este ano o disco Guitarra Clásica Galega, no que Samuel Diz recupera composicións de creadores galegos de diferentes épocas e estilos para este instrumento.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.