O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolle o martes 17 ás 21:00 horas a estrea de Apnea. (Variación 2ª), a última montaxe escénica da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que dirixe Roberto Salgueiro.
O escenario sede do Centro Dramático Galego insire esta estrea na súa programación aberta a outros colectivos escénicos, e que entra así na recta final do ano con novas propostas, entre as que figuran para os vindeiros días os espectáculos BailadElas (do 19 ao 21 de decembro) a cargo de Teatro Antroido, a montaxe infantil O príncipe e o parrulo (27 e 28 de decembro) pola compañía Eme2, ou o concerto de blues de Adrián Costa, que terá lugar o día 29.
Actividade da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC, en Apnea. (Variación 2ª), Roberto Salgueiro dirixe e asina a que pode considerarse continuación dun traballo que xa asumira en 2003 e fora cualificado daquela como un libreto coreográfico cunha compoñente moi lírica e como unha obra chea de emocións éticas e estéticas.
Os cinco personaxes do reparto son interpretados por Marcos Montiel (Home con paraugas), Alba López (Muller que xira), Carlos Hermida (Pai), Aldara Cidrás (Muller da Pont Neuf) e Miguel Gendre (Home que saltaría a corda). Ademais da dirección, Salgueiro é autor do texto, o espazo escénico, a iluminación e os figurinos, en tanto que os arranxos de vestiario son obra de Clotilde Vaello.
A entrada para asistir á estrea é libre, previa retirada de localidades polo despacho de billetes do Salón Teatro, que estará aberto desde as 19.00 horas. Só poderán retirarse dúas localidades por persoa.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.