Notas de prensa

O Museo do Centro Gaiás acolle a entrega dos Premios da Cultura Galega 2013

Representar o recoñecemento colectivo á traxectoria e á calidade do traballo de persoas e entidades a prol do desenvolvemento cultural de Galicia, da creatividade e da difusión cultural é o principal obxectivo dos premios anuais da Cultura Galega.

A Xunta de Galicia entrega o xoves 12 de decembro os Premios da Cultura Galega 2013 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Estes premios, convocados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e outorgados por un xurado conformado por representantes das principais institucións culturais e profesionais independentes do noso país, son un recoñecemento colectivo á traxectoria e á calidade do traballo de persoas e entidades a prol do desenvolvemento cultural.

Un total de oito categorías conforman estes galardóns, que na súa edición de 2013 incorporaron o Premio Cultura Galega de Lingua. O Premio da Cultura Galega das Letras 2013 entregaráselle á escritora Luz Pozo Garza; o das Artes Plásticas recaeu na Fundación Eugenio Granell e o das Artes Escénicas, na Mostra de Teatro de Ribadavia (Abrente-MIT). Na modalidade de Patrimonio Cultural o galardón foi para o Museo do Castro de Viladonga; o premio de Promoción Exterior, para o Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol; o de Musica, para o compositor Juan Durán; e na categoría Audiovisual recibirá o galardón Bambú Producciones. A nova categoría, o Premio da Cultura Galega de Lingua, será para a Asociación PuntoGal.

Gala con actuacións de primeiro nivel

Nesta ocasión, a gala contará con diversas actuacións de gran calidade ao longo do acto. A formación Talabarte, composta polo violinista Quim Farinha, o acordeonista Pedro Pascual e o contrabaixista Kin García, realizarán xunto co grupo de teatro Lusco e Fusco, formado por Fredi Muiño e Pablo Reboleiro, unha actuación que conectará a creatividade contemporánea e as músicas tradicionais galegas e doutras latitudes coa danza e o circo.

A artista galego-palestina Najla Shami, acompañada pola viola de gamba de Arquímedes Artal, interpretará unha versión do poema “Negra sombra”, de Rosalía de Castro, que esta incluído no seu último traballo, ‘Na lingua que eu falo’. Os bailaríns Miguel A. Ponte e Ana Serantes interpretarán unha coreografía do Centro Coreográfico Galego deseñada por Mercedes Suárez sobre o "Valse de Talabarte”.

Ademais, a agrupación Zoar Ensemble, formada polos músicos Álex Salgueiro (fagot), Benjamín Iglesias (trompa), Antonio Suárez (clarinete), David Villa (óboe) e Joan Ibáñez (frauta), interpretarán unha peza de musical que debuxará o contraste dunha alborada e unha danza popular.

A través destes galardóns, a Xunta de Galicia ten como obxectivo apoiar o labor creativo, a experimentación e a capacidade de proxección da construción cultural de Galicia nos diferentes ámbitos.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-12-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES