
Trátase dunha estatua itinerante, concebida en terracota e obra do escultor mallorquín Eduardo Servera, que estará exposta ao público na sede de Altaira (Avenida de Lugo 199), academia de arte e ensino dirixida por Xurxo Martiño e Luz Varela, que cederon amablemente o espazo do seu escaparate para acoller esta singular iniciativa, coa que se pretende reivindicar a figura e a influencia de Prisciliano na cultura galega.
Considerado un símbolo da intolerancia política e relixiosa, Prisciliano fundou unha escola ascética, rigorista, de talante libertario, precursora do movemento monacal e oposta á crecente opulencia da xerarquía eclesiástica imperante no século IV. Os aspectos máis polémicos, en cuestións formais, eran o nomeamento de «mestres» ou «doutores» laicos, a presenza de mulleres nas reunións de lectura e o seu marcado carácter ascético.
A plataforma cívica Amigos de Prisciliano, fundada o ano pasado en Ourense, está integrada polo actor e guionista francés Jean-Claude Carrière (que asume a función de presidente herético), os xornalistas Ignacio Ramonet (vicepresidente) e Moncho Paz (secretario), Gabriel Núnez Chao (tesoureiro), os poetas Miguel Barrera e Pilar Maseda (delegados en Madrid e Lugo, respectivamente), e o escritor Kirmen Uribe (delegado en Euskadi), entre outros persoeiros. Asemade, conta cun amplo respaldo no eido da cultura e das letras galegas.
Esta entidade sen ánimo de lucro conta con financiación propia, a través da venta de camisetas cun logotipo deseñado polo artista polaco Jacek Wozniak, así como a participación en iniciativas culturais dentro e fora do territorio español. A máis recente foi a presenza de Ramón Chao na segunda edición do Marabilli Sormen Festibala, celebrado en Ondarroa (Bizkaia) o pasado mes de outubro, onde pronunciou a charla Vargas Llosa
Leu o Quixote?. Prisciliano de Compostela conta con perfil propio no Facebook, onde está a recibir múltiples adhesións.
Máis información en: [email protected] / www.prisciliano.eu
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.