Notas de prensa

As Torres Hejduk, da Cidade da Cultura, acollen a mostra En ningún lugar

O espazo adicado á vangarda creativa galega, no espazo da Cidade da Cultura, exhíbense obras de Cañamero, Eireos, Moreno Carretero, Esteve Reig, Ramírez Ariza e Martínez Muñiz, gañadores do III Encontro de Artistas Novos.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, inaugurou a exposición En ningún lugar. Unha memoria alternativa das Torres Hejduk, proxecto gañador da convocatoria feita pola Cidade da Cultura de Galicia entre os participantes no III Encontro de Artistas Novos para intervir nas torres. Cómpre destacar que este espazo esta dedicado acoller as creacións da vangarda creativa galega, un novo referente para as propostas artísticas dos autores emerxentes da comunidade.

Os artistas Juan Cañamero, Iago Eireos, Miguel Ãngel Moreno Carretero, Ana Esteve Reig, Alejandro Ramírez Ariza e Pablo Martínez Muñiz, baixo o comisariado de Carlos Delgado Mayordomo, son os responsables desta intervención colectiva que busca xerar unha memoria e unha narración alternativas para desvelar a complexidade arquitectónica e conceptual das Torres Hejduk.

“En ningún lugar supón unha posta en valor da arquitectura e das propias Torres Hejduk, todo un símbolo da Cidade da Cultura a pesar de non ser obra de Eisenman”, destacou o conselleiro de Cultura e Educación, quen valorou a aposta de cada un dos artistas por intervir sobre un aspecto do arquitecto ou do propio espazo, ademais de conectar a Cidade da Cultura co centro de Santiago, facendo a viaxe inversa das Torres Hejduk.

Durante a inauguración, que contou coa presenza da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño, e dos propios creadores; Xesús Vázquez Abad apostou por poñer os espazos culturais a disposición dos artistas emerxentes para ofrecerlle ao espectador novas perspectivas dos mesmos.

Nesta liña, o conselleiro de Cultura e Educación enmarcou esta exposición nunha das liñas estratéxicas que está a seguir tanto o seu departamento como a propia Cidade da Cultura: o apoio aos artistas novos e á difusión da súa obra. Un obxectivo que, tal e como destacou o conselleiro, xa se recolle na celebración do propio Encontro de Artistas Novos e que contou con iniciativas previas como ContainerInside.

Unha nova memoria das Hejduk

Co proxecto En ningún lugar. Unha memoria alternativa das Torres Hejduk, os artistas Juan Cañamero, Iago Eireos, Miguel Ãngel Moreno Carretero, Ana Esteve Reig, Alejandro Ramírez Ariz e Pablo Martínez Muñiz comisariados por Carlos Delgado Mayordomo, presentan nas Torres do Gaiás cinco intervencións que buscan sacar á luz dimensións evocadoras que suxiran múltiples sentidos do lugar e que sirvan para iluminar diversos aspectos da complexidade conceptual do edificio.

En ningún lugar organízase desde a dualidade das propias torres. Na transparente, os artistas traballan desde a especificidade da linguaxe arquitectónica para levar a cabo un cuestionamento das relacións entre o público e o privado, o interior e exterior, o visible e o oculto. Na opaca conviven dous proxectos que cuestionan a linealidade histórica das narracións hexemónicas.

Tres proxectos na torre transparente

As tres propostas que interveñen na torre transparente falan da conexión entre tempo, memoria e lugar.

Juan Cañamero (Madrid, 1981) recrea en Ritual un dos múltiples debuxos de John Hejduk: a Capela do Anxo Morto, a medio camiño entre a arquitectura fantástica e funcional. Cañamero formula a súa reconstrución tridimensional nun dos cilindros anexos á torre transparente e reactiva a súa funcionalidade orixinal a través da figura desmembrada dun anxo. O artista recupera así o sentido ritual e místico que para o imaxinario de Hejduk tiña a arquitectura e a súa capacidade para contar historias que nos fagan reflexionar sobre a condición humana.

Con Máscara nómada, Iago Eireos (Lugo, 1980) conecta a Cidade da Cultura co centro de Compostela a través dunha instalación efémera no Parque de Belvís –destino orixinal das Torres Hejduk- e a súa posterior documentación no Gaiás. En Belvís recrearase a planta das torres a escala 1:1 por medio de lonas ancoradas ao chan, nas que se amosará un tramado de liñas, ilustracións e estruturas arquitectónicas que se funden sen amosar un significado concreto. Unha recreación que se trasladará ás Hejduk en forma de estudos e apuntes técnicos.

A última das tres intervencións na torre acristalada será a de Miguel Ãngel Moreno Carretero (Córdoba, 1980). O artista introduce nas Hejduk unha terceira torre, a que non se ve, unha torre invertida que podemos percibir na silueta en negativo que xera o perfil das outras dúas: Torre3. Trátase da reformulación tridimensional dun espazo latente, suxerido e intanxible que evoca á arquitectura oculta das torres habitables, recreando escenas curiosas que se agochan no subsolo, escenas ficticias protagonizadas por operarios e persoal de mantemento que transitan espazos ocultos á visión do paseante.

Contextualización na torre opaca

Na torre opaca, a especificidade iconográfica as torres se dilúe a favor da súa contextualización local e global a través de dous proxectos diferenciados.

En Slide, Ana Esteve Roig (Agres, Alicante, 1986) e Alejandro Ramírez Ariza (Zaragoza, 1981) ofrécenlle ao espectador un monocanal que reflexiona sobre o fracaso da utopía como proxección idealizada do devir da historia. Partindo da complexa interacción entre a Cidade da Cultura e un grupo social como o dos skaters, Slide pon o acento na necesidade de crear novas utopías que non procedan de soños privados, senón de desexos colectivos. Institución e periferia unidos nunha ficción rodada no propio Gaiás que reflexiona sobre a incerteza como único modo de xestionar o avance cara ao futuro.

A peza que completa ‘En ningún lugar’ é Arquivo de espazos, volumes e pedras de Pablo Martínez Muñiz (Santander, 1978). A obra componse de catro caixas de luz onde o artista integra constelacións de arquitecturas que fotografou ao longo da súa vida. Un corpus visual propio que divide en catro tipoloxías (xentrificación, ruína, natureza invertida e espazos de poder) e que ofrece, na súa inesgotable capacidade de interacción, a apertura de múltiples camiños de reflexión. A este arquivo aberto e evolutivo, o artista engádelle imaxes das Torres Hejduk e doutros espazos asociados a súa memoria para inscribilos nunha xenealoxía propia.

‘En ningún lugar. Unha memoria alternativa das Torres Hejduk’ pode visitarse de luns a domingo en horario continuado de 10 a 20 horas. A entrada é libre e de balde mais é preciso ter en conta que a capacidade das torres é reducido.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-12-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (lobo-galicia.jpg) A Xunta de Galicia e os gobernos doutras 12 comunidades e cidades autónomas —Andalucía, Aragón, Baleares, Cantabria, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid, Murcia, Valencia, Ceuta e Melilla— acaban de dirixirse ao Executivo central para exixirlle que lles envíe “no prazo máis breve posible” o informe preliminar sobre a situación do lobo en España, paso previo e imprescindible para poder sometelo á aprobación por parte das comunidades antes da súa remisión á Comisión Europea.
Foto de la tercera plana (hotel-mondariz.jpg) A comunidade galega vén de alcanzar un novo máximo histórico nos indicadores turísticos ao rexistrar o pasado mes de maio un total de 920.795 noites nos establecementos hoteleiros de Galicia, situándose por primeira vez na serie por riba das 900.000 noites neste mes. Así o recolle os datos feitos públicos polo INE e que reflicten un incremento do 2,3% en demanda turística e do 4,2% en viaxeiros aloxados nestes establecementos en maio ao contabilizar 567.097 visitantes. En canto ao mercados, destaca sobre todo o internacional que, rexistrando 382.000 noites, representa o 41% do total da demanda hoteleira, mentres que o 51% restante repártese no 39% procedente doutras comunidades autónomas e o 19% dos residentes en Galicia.

Notas

O investigador da USC Xulio Sousa e as profesoras da Facultade de Matemáticas e investigadoras do CITMAga María José Ginzo Villamayor e Rosa Crujeiras acaban de publicar o artigo 'Surname Distribution in Galicia: Population Structure, Dialects, and History' na revista 'Names: A Journal of Onomastics' que axuda a desvelar as conexións entre os apelidos, a variación dialectal e a organización histórica de Galicia.
A Universidade da Coruña foi sede hoxe da reunión constitutiva do grupo de traballo sobre a descentralización do grao en Medicina, proposto na sesión do 10 de xuño do Consello para a Coordinación da Docencia Clínica en Galicia. Neste primeiro encontro, marcado pola propia creación do grupo, aprobouse a normativa de réxime interno e o calendario de traballo que marcará as liñas de acción de cara aos vindeiros meses.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES