Notas de prensa

Culturgal 2013 céntrase na corresponsabilidade dos axentes culturais

Culturgal 2013 ten como obxectivo dar a coñecer todas as oportunidades e produción das industrias culturais en Galicia no Pazo da Cultura de Pontevedra.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou en Pontevedra unha nova edición da feira das industrias culturais galegas, Culturgal 2013, que se desenvolve no Pazo da Cultura ata o domingo, 1 de decembro.

Durante a súa intervención, o conselleiro incidiu na importancia deste encontro, ao que se referiu como “emblema común para a posta en valor e a promoción da nosa industria cultural e creativa” e como “espazo idóneo para o lecer, a difusión, a venda, a presentación pública, a reflexión, o tecido de alianzas estratéxicas, o intercambio de coñecemento e o encontro entre artistas, creadores, profesionais e públicos e composición diversa”.

O titular de Cultura e Educación sumouse á base da corresponsabilidade que preside a organización este ano de Culturgal polo novo equipo directivo que asume a feira. Expresou, neste sentido, a súa percepción de que se abre “unha nova era, un novo xeito, realista e sostible, no traballo común a prol do desenvolvemento das nosas industrias culturais e da nosa Cultura”. Asegurou que a consellería asume a parte dese cometido que corresponde á actuación institucional, nun labor compartido con Culturgal e con todos os implicados na produción e no goce dos produtos culturais, desde os creadores ata o público.

Durante o acto inaugural, o conselleiro estivo acompañado polos secretarios de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; así como polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, responsables dos departamentos da Consellería que colaboran con este evento. Participaron, ademais, o coordinador do Culturgal, José Aldea; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da Asociación Culturgal, Xulio Amigo, e o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

Valor das industrias culturais

Diante dos representantes de entidades culturais que integran Culturgal: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Escena Galega, Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono) e Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet), Xesús Vázquez Abad incidiu na relevancia das empresas culturais galegas no desenvolvemento económico e social de Galicia “tanto polo seu peso simbólico na construción, conservación e difusión do noso inxente acervo cultural, como pola súa cuantificación material —dixo— á hora de estimar a súa achega como factor importante para a nosa dinamización económica”.

Tamén salientou que os produtos culturais galegos reflicten a nosa idiosincrasia como pobo, posúen unha lingua propia para expresarse e xeran un relevante valor engadido que nos sitúa como marca diferenciada no mercado global.

Público micropatrocinador

Culturgal é un espazo de encontro no que o sector cultural amosa as súas creacións e realiza un intercambio de ideas, produtos e servizos, ademais de completarse cunha serie de espectáculos e propostas artísticas de todos os ámbitos. Trátase dunha ferramenta para promover, apoiar e reforzar a acción cultural que se desenvolve en Galicia.

Un ano máis, a entrada ao recinto feiral será de balde, pero nesta edición apélase á colaboración dos visitantes a través dunha doazón voluntaria, o que os converterá en micropatrocinadores de Cultural e portadores dunha chapa distintiva. Os asistentes poderán visitar o medio centenar de expositores de once a nove da noite hoxe e maña; e o domingo, ata as oito da tarde.

Os espazos culturais

Nesta edición 2013, os espazos da feira amplíanse e redistribúense para dar cabida e prestar servizo a todas as asociación e empresas do Culturgal. Cóntase así cos Espazo libro, Espazo carpa (situado no exterior e destinada á realización de concertos), Espazo infantil, Espazo tecnoloxía e Espazo cinema (un novo sitio no que haberá proxeccións audiovisuais e cunha capacidade para 50 persoas).

As principais editoriais galegas presentarán as súas novidades en Culturgal. Proxectos como a Revista Luzes, con Manuel Rivas, a revista Oink, dirixida ao público infantil ou a presenza dos últimos escritores premiados no país enriquecen este espazo. En canto á música, a carpa acollerá as estreas dos novos discos de Caxade e Mónica de Nut, entre outros, e a presentación en exclusiva o sábado 30 de novembro do disco Galiza de Kepa Junkera no Auditorio do Pazo da Cultura, rodeado de músicos galegos colaboradores no disco.

O Espazo cinema terá unha especial dedicación aos novos formatos cun maratón de webseries o sábado na tarde e, de novo, o Espazo infantil será un dos máis dinámicos. Desde o venres 29 pola mañá, con actividades concertadas cos centros educativos encherán de vitalidade a Feira. Daranse a coñecer, entre outros, os proxectos como CoraSons de Kalandraka ou Toc Toc, espectáculo promovido por Galaxia.

Culturgal espállase pola cidade con actividades no exterior do recinto como o concerto de 25 anos de Zenzar na Sala Karma o venres 29 ou o concerto para 111 bicicletas promovido polo Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) o domingo pola mañá, no que os ciclistas coas súas buguinas serán os intérpretes da obra.

Novo expositor da Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia estará presente ademais en Culturgal 2013 cun novo espazo expositivo, desde o que difundirá os contidos sobre proxectos e iniciativas postas en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en relación á dinamización das industrias culturais galegas.

A Agadic, a Secretaría Xeral de Cultura, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Centro Galego das Artes da Imaxe e a Cidade da Cultura de Galicia achegan distintos materiais promocionais, publicacións e soportes web e audiovisuais a este novo stand, desde o que se convida ao consumo cultural a través da recreación, ao longo de catro estancias consecutivas, dun escenario teatral, dun estudo de gravación, dunha pantalla de cinema e dunha sala de lectura.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-11-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES