
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Guitiriz colaborarán en 2014 para difundir e poñer en valor a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro, autor ao que a Real Academia Galega (RAG) lle dedica o próximo ano as Letras Galegas. Así o anunciou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, tras a reunión de traballo que mantivo en Guitiriz, vila natal do poeta, co alcalde do municipio, José María Teixido, e coa concelleira de Educación, Cultura e Servizos Sociais de Guitiriz, María Manuela Carballeira.
Avanzar no acordo de colaboración entre a Consellería e o Concello para a celebración das Letras Galegas 2014 foi o obxectivo desta xuntanza, na que tamén participaron Alfonso Blanco e Xosé Antonio Cascudo, en representación da asociación guitiricense Xermolos, coa que Díaz Castro mantivo unha estreita vinculación nos últimos anos da súa vida. Así mesmo, asistiron ao encontro Luís González Tosar e Armando Requeixo, especialistas na obra do escritor.
Contribuír coa difusión do autor homenaxeado
Co fin de contribuír á proxección e á conmemoración cidadá dunha data tan sinalada para a cultura galega como o Día das Letras Galegas celebrada de maneira continuada desde 1963 a proposta de Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo desde a máxima institución académica da lingua galega, a RAG a Consellería de Cultura e Educación, a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, vén favorecendo unha actividade institucional importante para a maior difusión do autor ou autora homenaxeada.
Neste programa de actividades arredor do 17 de maio, a Xunta de Galicia apoia iniciativas promovidas desde as máis diversas entidades académicas, sociais e culturais, entre as que se inclúen exposicións, charlas, edicións conmemorativas, proxectos audiovisuais e musicais, homenaxes e actos diversos para poñer en valor a lingua e a literatura galegas.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.