Notas de prensa

Galicia Escena Pro fomenta a contratación de espectáculos galegos

Trátase dunha acción encamiñada a favorecer o diálogo entre os programadores e as compañías de espectáculos galegas. A mostra de artes escécnicas desenvólvese en cinco escearios de Santiago de Compostela con teatro, danza e novo circo ata o 6 de novembro.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu na Fundación SGAE de Santiago ao espectáculo ‘Bon Appétit’, da compañía Ghazafellos, co que se abriu Escena Pro, a nova mostra de artes escénicas organizada polo seu departamento a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) para dinamizar a contratación dos espectáculos galegos, unha actividade na que se investiron 50.000 euros con fin de favorecer a intercomunicación entre os programadores e as compañías.

Vázquez Abad, que compartiu a representación cos programadores e axentes culturais galegos acreditados e cun grupo de 25 nenos e nenas procedentes do CEIP de Vite, respaldou así este evento co que a Consellería de Cultura busca amosar a variedade e calidade das propostas escénicas galegas máis recentes e dotar de maior visibilidade á produción de teatro, danza e novo circo a través dos traballos das 22 compañías que compoñen a carteleira.

Durante 60 minutos de escenificación, en ‘Bon Appétit’ tres chefs interpretados por Pepablo Patiño, Montse Piñón e Jorge Casas intentan descubrir os segredos da cociña galega seguindo o prestixioso libro de receitas ‘A cociña galega’, de Álvaro Cunqueiro. Explosións, trompazos, sustos e malos entendidos son os ingredientes desta produción, especialmente ideada en clave de comedia para espectadores de entre 3 e 7 anos.

Representacións continuadas

‘Galicia Escena Pro’ prosegue coas últimas montaxes de Matarile Teatro, Sarabela Teatro e con outras seis propostas en formato showcase, como primeira entrega deste encontro profesional, que se celebra ata o vindeiro mércores en cinco espazos de Santiago: Salón Teatro, Teatro Principal, Fundación SGAE, Auditorio Novagalicia Banco e o Auditorio da Universidade.

Estes cinco escenarios congregarán máis de cincuenta programadores e axentes culturais galegos, ademais de ofrecer ao público xeral a posibilidade de acceder de balde ás funcións, sempre segundo as butacas que queden dispoñibles trala ocupación dos profesionais acreditados. Os espectadores poderán retirar as súas entradas nas billeteiras do espazos correspondentes, que abrirán unha hora antes do comezo de cada representación.

Variedade de propostas

Matarile Teatro participa neste programa con ‘Staying Alive’, o espectáculo de danza co que a formación compostelá regresa aos escenarios catro anos despois da súa anterior produción e como compañía en residencia na Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela. Ana Vallés é a autora e directora desta montaxe, na que tamén comparte escenario con Mónica García, Nuria Sotelo e Rut Balbís. Esta representación terá lugar ás 16.00 horas no Auditorio da Universidade, cun aforo reducido que quedará limitado aos profesionais acreditados.

A continuación, Sarabela Teatro presentarase no Teatro Principal ás 18.30 horas coa estrea absoluta da súa nova produción, ‘A idade da pavía’, obra de Arístides Vargas que conta a historia de tres xeracións dunha familia de mulleres a través da mirada inocente de dúas nenas. Ánxeles Cuña dirixe esta traxicomedia, que interpretan Sabela Gago, Nate Borrajo, Fina Calleja e Fernando Dacosta.

Trala representación destes espectáculos en formato completo, a actividade trasladarase ao Salón Teatro coa primeira das dúas sesións de showcases programadas dentro de Galicia Escena Pro. A partir das 21.30 horas, sucederanse seis pases dun máximo de 20 minutos correspondentes a outras tantas propostas, catro delas pensadas para público adulto e as dúas restantes, para público infantil: Catro Cadeiras con ‘O feo’, Obras Públicas con ‘Bye, Bye, Honey’, Os Monicreques de Kukas con ‘Xan Perillán e a maleta máxica’, Producións Teatráis Excéntricas con ‘Da Vinci tiña razón’, Talía Teatro con ‘Xangó’ e Teatro con ‘Desfeitos’.

O programa completo dos tres días de actividade de Galicia Escena Pro pode consultarse e descargarse desde a páxina web da Agadic: www.agadic.info

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-11-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES