
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa o xoves día 31, ás 20.30 horas, no Salón Teatro de Santiago o espectáculo da Companhia de Teatro de Braga (CTB) Sabe Deus pintar o Diabo, co que a sede do Centro Dramático Galego (CDG) se incorpora ao circuíto de intercambio teatral entre Portugal e Galicia Troco x Troco.
Rui Madeira dirixe esta montaxe a partir dun texto inédito que o recoñecido dramaturgo portugués Abel Neves escribiu especificamente para a súa posta en escena pola Companhia de Teatro de Braga. Sabe Deus pintar o Diabo preséntanos dous personaxes anónimos, aínda que os espectadores coñecen os seus nomes Feliciano e Raimundo, que abrigados no último andar dun vello edificio, escollen ser autores dunha especie de fin do mundo a través dun macabro xogo de exterminio.
Humor inquietante
António Jorge e Carlos Feio dan vida a estes dous amigos circunstanciais que, en palabras do propio Abel Neves, crense portadores dunha razón capaz de conmocionar o mundo e, lonxe de se aflixir coa opción que elixen, só deixan entrever o seu nerviosismo a través dun humor inquietante. Acompáñaos en escena a actriz angolana Nzady, da compañía Elinga Teatro de Luanda. O espectáculo conta, así mesmo, coa escenografía e os figurinos asinados por Alberto Péssimo e Jorge Gonçalves, así como co deseño de iluminación de Fred Rompante e o ambiente sonoro de Pedro Pinto.
As entradas para asistir á función en Santiago de Sabe Deus pintar o Diabo están xa á venda a través da billeteira electrónica da web de Novagalicia Banco a un prezo de 10 euros, sobre o que se aplica un desconto do 40 por cento para estudantes, titulares do carné xove, persoas xubiladas ou desempregadas, así como para determinados colectivos profesionais. Tamén poderán adquirirse o mesmo xoves no despacho de billetes do Salón Teatro, que abrirá ao público a partir das 18.30 horas.
Dentro deste mesmo programa de intercambio con Portugal, a sede do Centro Dramático Galego recibirá o vindeiro 7 de novembro a compañía Seiva Trupe, do Porto, que se presenta en Santiago co espectáculo Adivinhe quem ven para rezar, do autor brasileiro Dib Carneiro Neto. Júlio Cardoso dirixe a António Rei e a Jorge Loureiro nesta proposta arredor do amor desde o punto de vista do universo masculino.
Troco x Troco continuará no Salón Teatro durante o primeiro semestre de 2014 coa visita da Escola da Noite de Coimbra e do Centro Dramático de Évora.
Oito compañías galegas e portuguesas
Xunto con estas catro compañías lusas, outras tantas formacións galegas Sarabela Teatro, Teatro do Noroeste (en coprodución co CDG), Teatro do Atlántico e Teatro do Morcego conforman a carteleira de espectáculos desta primeira edición do circuíto, no marco do que se ofrecerán un total de 32 representacións en Narón (Pazo da Cultura), Ourense (Teatro Principal), Santiago de Compostela (Salón Teatro), Tui (Teatro Municipal Área Panorámica), Braga (Theatro Circo), Coimbra (Teatro da Cerca de São Bernardo), Évora (Teatro Garcia de Resende) e Porto (Teatro do Campo Alegre).
A Consellería de Cultura e Educación promoveu a posta en marcha desta iniciativa a través dun acordo asinado entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Centro Dramático Galego coa Cena Lusófona-Associação Portuguesa para o Intercâmbio Teatral. O obxectivo é recuperar e normalizar as relacións entre as escenas galega e portuguesa, de xeito que o diálogo teatral transcenda o ámbito exclusivamente profesional para implicar tamén os espectadores.
Para o seu desenvolvemento, o programa contou cunha participación moi activa dos oito teatros implicados nunha programación que busca, así mesmo, favorecer a racionalización da xestión administrativa no ámbito da difusión e da distribución escénica. O resultado é o desenvolvemento de sinerxías de traballo moi enriquecedoras tanto para os concellos como para as compañías e o público xeral.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.