A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, pronunciou a conferencia inaugural do II Foro sobre o Futuro do Turismo Galego que levou por título Innovación e marketing. VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela (1214-2014).
Nese encontro, Nava Castro explicou que a conmemoración da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, que Galicia celebra dende mediados deste ano ata mediados de 2015, constitúe un período extraordinario que se dedicará ao aniversario da memoria da viaxe de San Francisco, pero fundamentalmente ao seu legado a nivel iconográfico, artístico e de patrimonio inmaterial.
As conexións entre a espiritualidade franciscana e a espiritualidade da peregrinación á cidade do Apóstolo son o eixo sobre o que xira un programa que dinamizará culturalmente o noso territorio e que o tornará atractivo para todos aqueles viaxeiros que queiran descubrilo dende outra perspectiva, explicou. Ao tempo, sinalou que para a celebración deste evento cultural, a Xunta de Galicia solicitou que os actos puideran acollerse aos incentivos fiscais establecidos na Lei 49/2002, de 23 de decembro, de Réxime Fiscal das Entidades sen Fins Lucrativos e dos Incentivos Fiscais ao Mecenado.
Ademais, explicou que o Consello de Ministros aprobou o 30 de agosto deste ano a autorización para a creación da Comisión Interadministrativa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela. A comisión é o órgano encargado de aprobar os plans e programas de actividades específicas que poden dar lugar á aplicación dos citados beneficios fiscais, a certificación da adecuación dos gastos realizados aos obxectivos e plans do programa de apoio e a aprobación do logotipo do acontecemento e o seu manual de uso e aplicación.
Programación do VIII Centenario
O programa inclúe todo tipo de acontecementos culturais, artísticos e sociais, actuacións de investigación, así como as iniciativas relacionadas co desenvolvemento turístico e a acollida ao visitante relacionadas co marco de celebración deste oitavo centenario. O obxectivo principal do programa, segundo explicou a directora de Turismo é impulsar a dinamización turística e cultural de Galicia a través dos significados e valores da peregrinación xacobea de San Francisco de Asís - un dos grandes personaxes da historia da Humanidade- así como estimular a participación do sector privado en proxectos relacionados coa devandita conmemoración, cuxa transcendencia nacional e internacional poñen de manifesto os recoñecementos recibidos pola figura deste santo e a amplísima tradición do seu paso polo Camiño de Santiago.
A programación estruturase en actividades que abarcan diferentes ámbitos: institucional; exposicións; publicacións; música, artes escénicas e audiovisual; congresos e conferencias; deportes e participación cidadá.
No ámbito institucional, a Administración autonómica xa ten asinado diversos protocolos de colaboración con outras institucións para a promoción e difusión do VIII Centenario co fin de que esta celebración integre a participación de todas as entidades relacionadas co mesmo. Así, a Xunta de Galicia e o Ministro Xeral da Orde Franciscana asinaron en maio un protocolo co obxecto de renovar a tradición peregrina de Galicia cunha ambiciosa programación para conmemorar a peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. Dous meses mais tarde, a Organización Mundial do Turismo, a secretaria de Estado de Turismo e Turismo de Galicia asinaron outro protocolo para celebrar en setembro de 2014, o I Congreso Internacional de Peregrinacións e Turismo na capital galega. Así mesmo, asinouse un protocolo co concello de Asís.
En Santiago de Compostela celebrarase o I Congreso Internacional sobre Peregrinacións e Turismo entre o 17 e o 19 de setembro coa colaboración da Organización Mundial do Turismo. Este congreso converterá a Galicia no centro mundial de referencia das peregrinacións de todo o mundo e afianzará a imaxe da nosa comunidade como o gran centro de peregrinación, espazo de encontro de culturas e berce de todas as relixións. En colaboración coa USC desenvolveranse as xornadas de A conservación do medio ambiente, tarefa común. Ademais, en outubro do próximo ano, a capital galega acollerá o gran Cume Internacional de Asociacións Xacobeas, sendo a primeira vez que unha convocatoria destas características reúna en Galicia aos integrantes das asociacións repartidas por todo o mundo.
Nava Castro recalcou que este é un programa aberto á participación e ás propostas da cidadanía. Segundo avanzou a directora, neste oitavo centenario inclúense actos que pretenden fomentar a participación de persoas e colectivos a través do deporte; neste caso a través de algo tan simbólico e representativo como as peregrinacións, sempre especialmente vinculadas coa solidariedade. Dende Turismo de Galicia organizouse unha peregrinación colectiva de Asís a Santiago de Compostela, tamén se celebrará unha Marcha pola Paz e o programa Ven ao Camiño, Coñece Galicia.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.