
A Asociación de Tradutores Galegos creada en 1985 para potenciar a tradución ao galego de obras da literatura universal como ferramenta de normalización, celebra desde hai uns anos unha homenaxe a un tradutor ou tradutora que salientase polo seu labor. Rendéuselles tributo de honra en anos anteriores a profesionais como Fernando Pérez-Barreiro Noia, Marilar Aleixandre, Valentín Arias ou Henrique Harguindey.
Nesta ocasión a xunta directiva da ATG acordou por unanimidade homenaxear a Darío Xohán Cabana. Escritor prolífico que abrangue varios xéneros literarios desde a poesía, pasando pola narrativa e o ensaio ata a literatura para a xente nova, Darío salienta polo seu traballo de tradutor de obras clásicas que pertencen indiscutiblemente ao patrimonio literario da humanidade. Grazas ao seu coidado labor e á súa sensibilidade poética temos o privilexio de ler na nosa lingua a Divina Comedia de Dante, o Cancioneiro de Petrarca, a Vida nova de Dante, a Antoloxía do Dolce Estilo Novo e Os trobadores da Occitania. Perfeccionista do seu traballo, aínda acometería unha revisión do Cancioneiro de Petrarca que acaba de publicar nunha versión anovada a editorial A Curuxa. Como no campo da creación tampouco non esquece os destinatarios novos e traduce Os Tres Mosqueteiros de Alexandre Dumas.
No acto de homenaxe que a ATG quere celebrar no salón de plenos da súa cidade intervirán amigos escritores como Marica Campo e Paco Martín, así como o presidente da Asociación e o alcalde de Lugo. O grupo Herbens Consort cerrará o acto tocando tres pezas breves. A asistencia é libre.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.